Amoebo e a nova escena galega: colaboración, evolución e moito ritmo
O artista presenta o seu novo traballo Escándalo no Escuro

Amoebo, en Hoy por Hoy A Coruña
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
A música en galego segue sumando grandes momentos e nesta ocasión, Amoebo pasou polos micrófonos de Hoy por Hoy A Coruña para presentar o seu novo traballo Escándalo no Escuro. Nunha conversación cargada de entusiasmo e reflexión, o artista desvelou detalles deste segundo disco e da súa evolución na escena musical.
Un segundo disco con máis dirección e estratexia
Aron Valle, máis coñecido como Amoebo, falou sobre como este novo álbum representa un paso adiante na súa carreira, en gran parte grazas ao apoio de Son Emergente da Fundación Paideia. "Sen dúba foi unha axuda moi grande", explicaba, destacando as oportunidades de aprendizaxe e profesionalización que este programa lle proporcionou.
Comparado co seu primeiro disco, onde "fixemos o que sabiamos facer, música", nesta ocasión o proxecto chega cunha dirección moito máis definida e cunha estratexia mellor formulada. "Agora si que imos máis encamiñados, con estratexias xa máis planificadas", comentaba.
Escándalo no Escuro: un disco de contrastes
O novo traballo de Amoebo divídese en dúuas caras ben diferenciadas: a cara A, dedicada enteiramente ao amor, e a cara B, cunha temática máis introspectiva. "A cara A é un disco de amor feito á miña maneira, directo e picante", mencionou. Ademais, sinalou que esta parte do álbum está inspirada pola súa muller, quen foi unha gran influencia no seu traballo.
Pola súa banda, a cara B explora o lado máis escuro e reflexivo da súa traxectoria, abordando temas como as ambicións, o ego e as presas dentro da industria musical. "Despois deste 2024 tolo, foi inevitable reflexionar sobre todo o que nos carcomía por dentro", afirmou.
Da escena metal á música urbana con esencia rock
Un dos aspectos máis rechamantes deste novo traballo é a combinación de estilos. Amoebo soubo fusionar o seu pasado metal cunha sonoridade urbana e pop alternativo. "Tanto David como eu eramos metaleros de toda a vida", explicaba entre risas. Agora, en Escándalo no Escuro, atopamos unha maior presenza de guitarras distorsionadas e unha estética sonora que bebe de diferentes influencias.
Un show pensado para sorprender
O concerto de presentación de Escándalo no Escuro na Sala Garufa da Coruña non é só unha actuación máis, senón un espectáculo en toda regra. "Facemos escenografía, hai coreografías, cambios de vestiario e moita instrumentación", relataba Amoebo. A idea é ofrecer ao público unha experiencia inmersiva que vaia máis alá da música.
O evento conta ademais coa participación de artistas invitados como Hidden, Alfonso de Capital Bosco, Mayra de Leria e French Riviera, consolidando así a rede de colaboracións dentro da escena musical galega. "O máis bonito de todo é sentirnos como unha comunidade que se apoia", destacou.
O auxe da música en galego
Amoebo aproveitou a entrevista para falar sobre o bo momento que vive a música en galego. "Agora que estamos nesta burbulla emerxente, temos que arroupamos e sacar esa segunda escena", reflexionaba. Artistas como The Rapants ou Fillas de Cassandra xa abriron camiño, e agora é a quenda das novas xeracións.
Con Escándalo no Escuro, Amoebo non só reafirma o seu talento, senón que tamén contribúe a enriquecer unha escena musical que está en pleno auxe. Para quen aínda non tivo a oportunidade de escoitalo, o disco xa está dispoñible en plataformas dixitais. Un traballo que promete dar moito que falar nos próximos meses.