Estas son as tradicións dos entroidos lucenses que non coñecías e que se están a recuperar
Os mozos da Fonsagrada volven correr o entroido coma os seus avós e Meira ou Guitiriz énchense de mecos

Estas son as tradicións dos entroidos lucenses que non coñecías e que se están a recuperar
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Lugo
O entroido ribeirao é un dos máis recoñecidos na provincia. Hai xa varias décadas que un grupo de veciños decidiu recuperar as tradicións e as costumes que por estas datas se desenvolvían nas parroquias de Chantada. Isto permitiu que se conservase dun xeito moi próximo á tradición, a súa esencia mantense case intacta. Para reforzalo aínda máis, os membros da asociación Amigos do Entroido Ribeirao, decidiron limitar o acceso de vehículos.
"Para min o máis característico deste entroido", explica Marisé Rei, que forma parte do colectivo, "é que se fai no medio dunha aldea que durante o ano non chega a trinta persoas durmindo e en plena natureza, non hai asfalto". "Eso, queiras que non, xa o fai distinto", engade.
A experiencia do entroido ribeirao é case a dunha viaxe ao pasado en compaña das personaxes características. Unha delas é o volante, que leva un gran "pucho" de cores: "É coma un sombreiro moi grande que leva o volante veterano, ou que ten a potestade de darllo a un compañeiro, que vai todo cuberto de flores de papel feitas a man, cinco plumachos de cores e dúas bonecas".
Cada un destes elementos ten o seu significado e, sobre todo, a súa finalidade. "Coma todos os entroidos, que se celebran ás vísperas da primavera, o que quere é chamar polo bo tempo", conta. "Queremos que os campos florezan, por iso leva as flores; queremos que os nenos saian xogar fóra, así que leva as bonecas; e queremos que as árbores den froito, de aí os plumachos".
A tradición aínda vai máis alá: o volante pasa por enriba das hortas para "espertar a terra, que vén de estar aletargada no inverno". Este ritual realizase durante varias xornadas que dura a celebración, e o Martes de Entroido, o último día, o volante fai o camiño contrario. É o día de "botar fóra o último que temos dentro", di Marisé, e de "chorar o pucho". Descríbeo como "unha imaxe moi bonita, porque fai o percorrido inverso que fixera os días anteriores, de recollida, coas choronas detrás del, e despois son os maragatos os que o traen para a casa".
Ademais dos volantes e dos maragatos ou peliqueiros, a figura "menos coñecida, pero tan necesaria coma as outras" do entroido ribeirao son os mecos. Estas personaxes participan nas representacións que se realizan imitando profesións, sucesos acontecidos nese ano na aldea ou da actualidade en xeral, pero coa sorna que é indispensable en calquera entroido. Para empezar, os mecos "van vestidos de forma estrafalaria, con roupa vella, eso ao xeito de cada un". "Ao mellor un pon un calzón de sombreiro e outro un pantalón de chaqueta", explica.
No caso da representación dos oficios "non hai nada planeado". Unha persoa encárgase de escoller a profesión e darlle unhas indicacións esenciais aos mecos. "Un exemplo que fixemos este ano é un streaptease, entón un compañeiro chantou unha vara no chan e díxolles que un tiña que subirse a ela e outros dous quitar a roupa", de xeito que cada un fai a representación segundo se lle vai ocorrendo no momento.
Ademais, se nalgún caso fai falta unha persoa a maiores para poder representar unha profesión, acoden a alguén do público: "Collemos a calquera e dicímoslle que ten que vir con nós, que lle queremos comentar unha cousa; levámolo á palleira onde temos a roupa e ten que vestirse e participar, non hai opción".
Os mozos da Fonsagrada volven correr o entroido
Seguindo o exemplo de asociacións como a de Amigos do Entroido Ribeirao de Chantada, un grupo de mozos e mozas da Fonsagrada decidiron, hai tan só tres anos, recuperar as tradicións dos seus avós. Dende a asociación Antaruxas e Sorteiros están intentado poñelas en práctica "poquiño a pouco e intentando que siga todos os anos posibles", conta Lucía Arias, unha das súas integrantes.
Foi no instituto Fontem Albei, "ao que temos que darlle moitas grazas", di Lucía, onde se iniciou a investigación. "Buscaron información sobre como era o entroido tradicional na Fonsagrada e que cousas o caracterizaban con respecto ao doutros lugares", explica, "e atoparon unha figura, a do foliqueiro". Agora intentan recuperar esa personaxe propia da zona e tamén "toda a tradición que tiñan os nosos maiores de ir correr o entroido moitos días no mes de febreiro".
O foliqueiro é a figura principal, e "dependendo dun pobo a outro levaba chocas ou non". En todos os casos, vai armado cun saco, "atado por unha esquina a un pau e cheo de fariña, palla ou cinza". A finalidade é "facer rabear á xente pegándolle con el".
Polo demais, os disfraces son moi variados, pero teñen que cumprir dúas condicións: que non se recoñeza á persoa que o leva e que non se merque nada. "Pódese aproveitar un vestido vello, unha chaqueta calquera, ou o que teñamos pola casa", explica Lucía. As máscaras pódense facer con pel, coiro, xeso e vendas, madeira, ou "cunha caixa de zapatos, que tamén vale". O demáis é botarlle imaxinación.
As datas repítense todos os anos: "O Luns de Entroido corremos polos bares da vila e pola residencia de maiores, para que vexan tamén que intentamos recuperar o que facían eles, e o Martes de Entroido imos polas aldeas". A picardía é total, porque organizan un servizo de bus de xeito que "non nos conozan os coches e non poidan saber quen somos". "Pasámolo moi ben", relata Lucía, "porque a xente recíbenos con moita alegría e con comida, bebida, música e baile". "Acabamos cansadas, pero queda moita semana por diante para recuperarnos", conclúe.
Alpuxarradas en Viveiro e Touporroutou en Foz
Na comarca da Mariña o entroido vívese con moita ilusión en case todos os concellos, pero nalgúns, como Foz ou Viveiro, é case unha devoción. Entre as citas máis tradicionais están as Alpuxarradas e o Touporroutou. Son coplas inventadas e que se recitan, que fan referencia á actualidade municipal, a outros veciños ou a políticos e persoas recoñecidas cunha dose moi grande de picardía e sorna.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, que é protagonista de moitas delas, lévao con naturalidade porque o entroido para os viveirenses "é moi satírico" e "ten ese punto de sarcasmo", pero tamén apunta que para encaixalas hai que "saber rirse dun mesmo e tomalo con humor". "En Viveiro o entroido é moi tradicional", engade, e "é moi habitual ademais atopar a xente de todas as idades vivíndoo".
Meira e Guitiriz énchense de mecos
Continuando a viaxe pola provincia, se nos días de entroido visitamos municipios como Meira ou Guitiriz atoperemos decenas de mecos nas rúas. No caso de Meira foron o Concello, xunto con varias asociacións, os que hai un ano quixeron recuperar esta tradición, que consiste en elaborar bonecos que representen a algún veciño, ou non, e que teñan tamén unha parte satírica ou de crítica social.
En Guitiriz é a asociación Xermolos quen está detrás dese traballo de recuperación dunha tradición que "dende antigo se realizaba nas parroquias", explica o seu presidente, Alfonso Blanco. "Poñémolos nas ventás, nos balcóns, nas palleiras, antes en case todas as casas se facía algún", engade.
Para cumplir coa tradición completamente, no Martes de Entroido escóllese ao mellor de todos eles para indultalo. O elexido gárdase para o ano seguinte, e será o encargado de presidir a celebración. O resto, quéimanse: "Facemos lume con eles, pero é un lume que queima as malas novas, as divisións, e que transmite luz, calor e nova vida". É o xeito no que se manifesta "unha vontade de unión, pero non só para facer festa nos días de entroido, senón para que dure todo o ano".