A Furgoteca chega a Sandiás, Sarreaus, Porqueira e Rairiz de Veiga
Esta liña únese á xa existente que presta servizo en Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín e Trasmiras

Visita da Furgoteca a Sandiás / Cedida

A Limia
A Xunta de Galicia puxo en marcha unha nova ruta da Furgoteca, que comezou o seu percorrido neste mes de xaneiro. Esta liña, a terceira do servizo de bibliotecas móbiles que se centran no rural de Lugo e Ourense, dará cobertura a dez municipios, dos cales catro pertencen á comarca da Limia: Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás e Sarreaus. Esta ruta súmase á que xa estaba activa e facía parada en Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín e Trasmiras.
Coincidindo coa estrea deste servizo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organizou varias propostas culturais paralelas para todas as idades que van desde contacontos ou xogos ata diversos obradoiros nas distintas localidades que forman parte do novo circuíto.
A programación comezou o día 2 en Rairiz de Veiga e fixo parada tamén en Sandiás o pasado venres día 10 con actividades no Punto de Atención á Infancia, no colexio e na Casa do Concello.
Dinamización cultural no rural
As rutas da Furgoteca viaxan dúas veces ao mes a cada un dos concellos participantes, de maneira que se asenta un dos días nas localizacións con maior afluencia de público, xa sexan feiras, mercados, centros de saúde, pavillóns de deporte ou centros socioculturais. Na outra xornada achéganse ás aldeas para ofrecer unha atención máis personalizada.
Para máis información, pódese visitar a páxina oficial da Furgoteca: https://www.cultura.gal/gl/furgoteca