A fin de semana arranca de xeito tráxico na bisbarra
Un accidente laboral en Laxe e un de tráfico en Carnota deixan dúas vítimas mortais
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/BCE4FBZV7FG5PMRENJQLUX3OEM.jpg?auth=7e492215f0c5a836b34fca7fe97eb8bdd524f32506b8be2f503884b36db9920b&quality=70&width=650&height=365&smart=true)
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/BCE4FBZV7FG5PMRENJQLUX3OEM.jpg?auth=7e492215f0c5a836b34fca7fe97eb8bdd524f32506b8be2f503884b36db9920b)
Costa da Morte
Venres negro na Costa da Morte. Sendos accidentes mortais deixaron dous falecidos como balance provisional da fin de semana. En Laxe perdía a vida o encargado do mantemento das instalacións eléctricas municipais. En Lira, concello de Carnota, un accidente de tráfico cobrouse a vida unha varón e deixou ferida a unha menor de idade e a outro xoven.
En Laxe a consternación era evidente a media mañán. Nunha manobra aparentemente sinxela de cambio dunha bombilla nunha luminaria, falecía electrocutado José Mariño Mato, de 60 anos e responsable de Instalacións Eléctricas Mariño. A mediodía, tanto el como un operario da súa empresa procedían a cambiar unha bombilla do alumeado público cando recibíu dúas descargas que lle produciron a morte de xeito instantáneo. O seu corpo foi trasladado ao Instituto de Medicina Legal para que se lle efectuase a autopsia e será mañán domingo cando sexa soterrado en Cesullas, Cabana, lugar onde residía.
En Lira os feitos tiveron lugar a primeira hora da tarde, cando colidiron un Volkswagen Golf GTI que circulaba pola AC-550 e un Citroën Saxo que se incorporaba á vía. O impacto frontolateral tivo lugar no porta do condutor do Citroën, falecendo este prácticamente no acto. O Citroën Saxo quedou envorcado ao pé dunha vivenda, sendo necesarios os traballos do bombeiros do parque de Cee para excarcelar a unha menor de idade, neta do falecido, que precisou ser trasladada en helicóptero. O condutor do Volkswagen Golf tamén precisou asistencia sanitaria inda que por feridas menores. A Garda Civil de Tráfico xa iniciou a investigación e as primeiras hipóteses céntranse na alta velocidade á que circularía o Volkswagen pola AC-550 e a falta de dilixencia debida do Citroën ao incorporarse á vía. O falecido é Rogelio Saborido Lago, un construtor xubilado que ten participado en varias iniciativas sociais na parroquia.