NigranJazz celebra a súa maioría de idade consagrándose aos mellores músicos europeos
O cartel gañador desta 18ª edición corresponde ao deseñador burgalés Diego Gil
Catro concertos, tres jam-sessions e una masterclass a cargo dos músicos europeos máis prestixiosos do momento celebrarán a maioría de idade do Nigranjazz do 25 ao 27 de xullo no Concello de Nigrán. Así, o escenario ao aire libre do esteiro da A Foz, na Ramallosa, volverá ser o epicentro da elite do jazz mundial o venres 26 coas saxofonistas Kika Sprangers e Irene Reig, lideresas do quinteto internacional ‘Alto for Two’ e que abrirán esta décimo oitava edición precedidas do trío do pianista vigués e residente en Chicago Sergio de Miguel, auténtico ‘neno prodixio’ graduado en Berkelee e recoñecido aos 20 anos entre os máis destacados músicos de jazz de EEUU.
Ao día seguinte, o sábado 27, o guitarrista nacido en Ourense e formado en Amsterdan Martín Verde abrirá a noite co seu quinteto para dar paso ao cuarteto dos mozos cataláns Camil Arcarazo (guitarra) e Marçal Perramon (saxo), outros ‘nenos prodixio’ do jazz que comezaron de cativos e que con menos de 25 anos están considerados entre os mellores de Europa tras terse formado ambos no Jazz Campus de Basilea (Suíza). Como novidade, o prestixioso pianista vigués Yago Vázquez, habitual na escena do jazz neoyorquino, ofrecerá unha jam session o xoves 25 no ‘Malabar Pénjamo’ de Patos acompañado polo gran saxofonista redondelano Fernando Sánchez.
Como parte indisoluble do festival, non faltará a clásica master-class patrocinada pola Fundación Mayeusis para todos os músicos que desexen formarse, e será a cargo de ‘Alto for two’ o 26 de xullo no Auditorio do Concello, pechándose ademáis cada noite de festival coas clásicas jam-sessions que se encargarán de abrir as grandes promesas da escea galega.
Cartel gañador desta 18ª edición
O evento, no que se desvelou o cartel gañador deste ano pertencente ao deseñador burgalés Diego Gil (premiado en certames como o 24 è Menorca Jazz Festival ou a XXVII Mostra Jazz Tortosa), foi presentado esta mañá na nave de cervexas Banda en Porto do Molle, marca local que, un ano máis, colabora neste festival xunto coa Deputación de Pontevedra a través do Plan + Provincia. Ademais, e precisamente na sala de exposicións de Banda (rúa do Labrego, 22-Nave 5E- Porto do Molle) terá lugar durante todo o verán unha exposición que recopila os 18 cartaces do Nigranjazz, sendo autoría os 3 primeiros do falecido deseñador gráfico Quin Alborés (impulsor do festival) e os seguintes elixidos a través do concurso de carteis que, en homenaxe, leva o seu nome.
“É un orgullo celebrar con mocidade e con mulleres liderando un quinteto os 18 anos do Nigranjazz, un dos festivais de jazz máis lonxevos de Galicia e que vin nacer sendo precisamente concelleiro de Cultura. Cremos que desde Nigrán estamos a contribuír a que exista esta grandísima canteira de músicos galegos que se iniciaron aquí como público, que despois se subiron ao noso escenario e que agora conforman a elite do jazz europeo”, subliña o alcalde, Juan González.
Visibilidade aos novos músicos
“O nivel de músicos novos que están xurdindo nos últimos anos en Europa é brutal, e a súa vitalidade, paixón e dedicación a esta música augura un futuro moi próspero. E Galicia tamén ten a súa cota de excelentes músicos neste novo renacemento do Jazz en Europa. Músicos, si, que teñen que emigrar a Europa ou a EEUU non só para formarse senón para poder para vivir decentemente da súa música. Por iso o Nigranjazz quere ofrecerlles o seu gran escenario e dar visibilidade a esta máxica xeración de mozos e mozas excepcionalmente preparados e experimentados, a pesar da súa pouca idade”, sinala o seu director artístico, Felipe Villar, quen incide en que a maioría non superan os 25 anos.
Como cada ano, o público poderá charlar desenfadadamente cos músicos asistentes ou consumir comida ou bebida mentras asiste aos concertos (coa novidade de que este ano o festival disporá dunha cerveza elaborada por Banda para a ocasión) e ademáis, estarán á venda camisetas deste edición, discos… e como xa é habitual, será un festival inclusivo que disporá de mochilas vibratorias para toda aquela persoa xorda que o solicite previamente no mail info@entresignos.com ou no whatsapp 690679675.