O bus turístico percorrerá as rúas de Vigo dende o 1 de xuño ao 30 de setembro
O autobús conta con audio guías en 8 idiomas, dúas alturas e teito despregable
Vitrasa pon en marcha, un ano máis, o servizo de Bus Turístico durante este verán para que os visitantes poidan coñecer nun percorrido de aproximadamente 90 minutos os puntos máis representativos e emblemáticos de Vigo. Dende o sábado 1 de xuño e ata o luns 30 de setembro os visitantes poderán realizar unha viaxe singular polos recunchos máis característicos da cidade.
Dende a súa posta en funcionamento, este servizo foi empregado por máis de 160.000 viaxeiros. En concreto, o ano pasado, subiron ao bus turístico 8.520 persoas.
Algúns dos puntos máis significativos de Vigo que poderán coñecer durante o percorrido son: diferentes edificios de interese histórico, monumento aos cabalos (Praza España), Monte do Castro, monumento Porta do Atlántico (praza de América), parque de Castrelos, Museo Quiñones de León e os seus xardíns, Estadio de Balaídos, a praia de Samil, a zona de Alcabre, o porto pesqueiro, entre outros. Ademais destes clásicos, os usuarios do turístico poderán ver durante o percorrido a transformación que a cidade experimentou nos últimos tempos cara un modelo máis accesible (rampas de Gran Vía, ascensores, etc.) e cultural (medianeras que amosan o arte mural de Vigo).
Durante o percorrido, o Bus Turístico realizará tres paradas para que os usuarios poidan baixar e realizar fotografías no Monte do Castro, Pazo Quiñones de León e a praia de Samil e así levarse os seus propios recordos da cidade.
Reserva de billetes
A adquisición do billete para viaxar a bordo do Bus Turístico pode realizarse a través de diferentes vías. Os interesados poderán mercar o seu billete online ata unha hora antes da saída do autobús a través da plataforma viguesa de venta de entradas Woutick!. A ligazón para acceder a plataforma estará dispoñible na páxina web de Vitrasa (https://www.vitrasa.es/php/index.php) e en Turismo de Vigo (https://www.turismodevigo.org/).
Con este sistema, os viaxeiros poden organizar mellor a súa visita á cidade reservando praza no bus para o día e hora que mellor se adapte a súas necesidades. O billete tamén se pode adquirir a pé de bus con tarxeta bancaria a través de TPV ou en efectivo. O prezo do percorrido é de 7,50 euros para os adultos e de 4 euros para os menores de entre 5 e 14 anos. Os menores de 5 anos viaxan gratis.
Horarios
O Bus Turístico conta con dúas alturas, teito despregable para mellorar aínda máis a viaxe dos usuarios e con audio guías dispoñibles en 8 idiomas diferentes (castelán, galego, portugués, francés, alemán, inglés, italiano e ruso). Ademais conta cunha praza para Persoas con Mobilidade Reducida (PMR). O servizo, que funcionará todos os días, contará con dúas saídas pola maña ás 10:00 e 12:00 horas e dúas saídas pola tarde, ás 16:30 e 18:30 horas. O servizo arrinca e remata na Estación Marítima de Vigo (Cánovas del Castillo).