Santiago xa ten os pregos para o novo contrato do transporte urbano
Poténcianse as conexións co rural e mais cos polígonos industriais nunha proposta que reduce o número de liñas e aumenta o custo
![Goretti Sanmartín: "Pagou a pena tardar unhas semanas máis para poder facer uns pregos moitísimo mellores"](https://cadenaser.com/resizer/v2/https%3A%2F%2Fsdmedia.playser.cadenaser.com%2Fplayser%2Fimage%2F20243%2F19%2F1710873134463_1710873723_asset_still.png?auth=a34ccdcf7a9d6f3da2cb88a30bf4098a09fbc84712725f72c2b5b3917a7dbb89&quality=70&width=736&height=414&smart=true)
Goretti Sanmartín: "Pagou a pena tardar unhas semanas máis para poder facer uns pregos moitísimo mellores"
15:57
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Santiago de Compostela
O goberno local de Santiago vén de anunciar as condicións que esixirá ás empresas candidatas para se faceren co novo contrato do transporte urbano da capital galega. A proposta inclúe unha redución de liñas que non obstante terán como principal cometido conectar as áreas máis afastadas da cidade co seu centro. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, pasou polo Hoy por Hoy Santiago para debullar os elementos chave destes pregos.
O número de rutas ficará reducido con respecto ó actual: de 24, pasará a 15. Contarase con 67 vehículos, dos cales, 18 serán eléctricos e o resto, propulsados por outros métodos de cero emisións. En canto aos prezos, cada billete custará 1,25 euros á marxe das bonificacións. O novo contrato terá un importe mínimo de 137 millóns de euros que poderá chegar a un máximo de 286 cun 20% de ampliacións. Este dato supón un incremento do 27% do custo que tiña previsto o goberno local anterior nos seus pregos.
"Nós cremos que en xeral vai haber un antes e un despois", sostén Goretti Sanmartín. E é que dende o goberno local amosan satisfacción diante das novidades que inclúe a proposta. Principalmente, por causa da potenciación da conexión co rural e mais cos polígonos industriais. Haberá tres liñas alimentadoras que xunten o rural cos servizos que cubran o tránsito polo centro. Nelas, poderanse realizar dous transbordos de balde.
Unha novidade destacada será a liña 10, que atravesará Santiago dende O Milladoiro ata Sigüeiro cunha frecuencia de 30 minutos. Tamén se implantará unha lanzadeira para o aeroporto que terá un custo de 6 euros por viaxe e de 10 euros se se trata do billete de ida e volta.
Dende hoxe, ábrese un período de alegacións que estará vixente vinte días. Unha vez finalizado, Raxoi enviará o documento a Madrid, á Oficina Nacional de Evaluación. Daquela, o organismo terá un mes para revisalo e propoñer modificacións se se considera pertinente. Deste xeito, se todo vai adiante á primeira, o proceso de licitación podería dar comezo nun mes e medio. Non obstante, o goberno local non se atreve a dar prazos. "Eu creo que agora van ir en moitas mellores circunstancias", sinalou a alcaldesa, en referencia á aprendizaxe de experiencias previas con modificacións propostas pola ONE.
Sobre outros asuntos, Goretti Sanmartín insistiu en que a partida estatal para a depuradora e mais para o consorcio está garantida. "Nós agora agardamos que para outros temas, coma o Xulgado de Violencia de Xénero, o Goberno busque fórmulas alternativas", engadiu a alcaldesa. En canto á solicitude de declaración de zona de mercado de alugueiro tensionada, Sanmartín esixiulle de novo á Xunta que cumpra coa súa parte: "Polos datos dos que constamos nestes momentos, en Santiago si que habería esa declaración de zona tensionada".