Dez comparsas no desfile de Entroido na Guarda
Estréase un novo formato e percorrido e haberá un Festa - Baile o sábado para o fin de festa
A Guarda
Xa está todo preparado en A Guarda para a realización este venres do Desfile de Entroido, que partirá ás 20:00 horas da Rúa Rosalía de Castro baixando ata o Porto pola Rúa Concepción Arenal. En total serán 10 as comparsas, carrozas e grupos que participarán no desfile, das cales catro son do municipio: Parchís Fuscalheiro, As Galiñas, Guateque e Technogaita (Clube da Terceira Idade da Guarda). O resto son Mundo Barbie de Fornelos (O Rosal), Vala-West de Valladares (Vigo), A Maxia da Naturzeza de Pontellas (O Porriño), Comparsa Talismán de Salceda de Caselas, e pechando a comitiva, a Comparsa Ciklón de Tomiño.
Ademáis destas dez carrozas, o Desfile da Guarda conta sempre coa posibilidade de participar, sen opción a axuda económica, a todo aquel que debidamente disfrazado que queira sumarse á comitiva. Os interesados deberán achegarse á Rúa Rosalía de Castro a partir das 19:30 h. e dirixirse aos membros da organización.
A festa estenderase durante todo o fin de semana, xa que para o sábado de Piñata está prevista a realización dunha nova Festa- Baile coa presencia dos DJ Romeu e DJ Christian na carpa ubicada na Alameda da Guarda.