Santa Clara reivindícase como “o pulmón onde respire o eido cultural galego” na entrega dos Premios da Cultura Galega 2023
A antiga capela do convento pontevedrés acolleu a cerimonia que premiou a excelencia creativa da escritora Yolanda Castaño ou a produtora Portocabo, entre outros


Acostumados a ver a entrega dos Premios da Cultura Galega en Santiago de Compostela, a cerimonia deste ano mudou de escenario. O convento de Santa Clara en Pontevedra acolleu a entrega destes premios por primeira vez coa presenza, entre outras autoridades, do presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda, o presidente da Deputación de Pontevedra Luis López ou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. O acto estivo conducido pola xornalista galega María Cheda e contou con actuacións musicais de Caamaño&Ameixeiras e Katuxa Salom.
Os galardóns deste ano, repartidos en oito categorías, entregáronse a Yolanda Castaño (Letras), o Museo do Gravado á Estampa Dixital (Artes Visuais), Pistacatro (Artes Escénicas), a Banda de Música Unión de Guláns (Música), Portocabo (Audiovisual), Ponte...nas Ondas! (Lingua), Eduardo Pardo de Guevara (Patrimonio Cultural) e os curso de verán Galego sen fronteiras (Proxección exterior). Todos os galardoados coincidiron na importancia da potenciación da cultura galega dende a administración.
Recoñecéuselle a “excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural de Galicia, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia”.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, definiu o convento de Santa Clara como o futuro centro de referencia da cultura galega durante a cerimonia de entrega dos Premios da Cultura Galega, o galardón máis importante deste eido que concede cada ano a Xunta de Galicia e que este ano entregounos na capela do antigo cenobio pontevedrés. “Este convento está chamado a ser un verdadeiro fervedoiro cultural, un escaparate único no que expor todo o potencial cultural e artístico de Galicia e unha referencia da vangarda de todas as nosas disciplinas artísticas”, afirmou.
“Santa Clara é tradición, a que recolledes vós para erguer unha provincia e unha Galicia máis orgullosa, diversa e distinguida; Santa Clara é Pontevedra e é Galicia, un tesouro que, se xa brilla agora, imaxinade como brillará no futuro que temos previsto para este conxunto; e Santa Clara é cultura: ambas son e serán caras dunha mesma moeda, posiblemente a máis valiosa e duradeira que poidamos ter como territorio”, manifestou.