O ciclo "Revisando a nosa arte" analiza en Vigo a obra artística de Rafael Baixeras este luns 27
A xornada terá lugar no Marco dende as 17h00 e a entrada é de balde ata completar aforo
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/7BXVRA7JXREHRDV5D3S7DJ3AKA.jpg?auth=27709331fb1f915e4c4ae42af386ee3a049ff1117890b974eb8bca680c6c8f88&quality=70&width=650&height=365&smart=true)
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/7BXVRA7JXREHRDV5D3S7DJ3AKA.jpg?auth=27709331fb1f915e4c4ae42af386ee3a049ff1117890b974eb8bca680c6c8f88)
O sábado 25 de novembro cumpríronse 34 anos do pasamento de Rafael Rodríguez Baixeras (A Pobra do Caramiñal, 19 de novembro de 1947 – Segovia, 25 de novembro de 1989), un dos pintores máis respectados polos artistas de Atlántica.
A súa obra conta con varias monografías (Jesús Mazanegos, 2002) e foi valorada en mostras retrospectivas en espazos como o Centro Cultural Caixavigo (1993), o Kiosco Alfonso (A Coruña, 1993), o Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago, 1999), o Museo Esteban Vicente (Segovia, 2000) ou o Museo Español de Arte Contemporáneo (Madrid, 2000).
Este luns 27 o MARCO de Vigo acolle unha xornada na que se repasa o conxunto da súa obra, deténdose en distintos momentos. A xornada comezará ás 17h00 e nela, Miguel Fernández-Cid, director do Marco e comisario da mostra sobre Baixeiras, dará apertura ao evento. Nel participarán tamén Xavier Seoane, poeta, crítico e comisario de exposicións, Xavier Rodríguez , poeta, tradutor e irmán de Rafael e finalmente haberá un coloquio no que tamén participe Teresa Fernández, viúva do artista e testamenteira da súa obra.
Neste evento confrontarase a súa pintura coa doutros creadores, formulando o seu posible ideario estético e apuntando formas de reivindicar a súa importancia. A entrada será de balde ata completar aforo.