O Concello de Tui e o Consello da Cultura Galega homenaxean a Francisco Sánchez
Será o martes 14 cunha xornada dedicada o médico e filósofo que contará con catro relatorios e un concerto do coro Vox Stellae
Tui
Na Sala Félix Rodríguez del Área Panorámica celebraráse a “Xornada Francisco Sánchez no IV Centenario da súa morte”, organizada polo Concello de Tui e o Consello da Cultura Galega para homenaxear ao penasdor tudense con motivo do cuarto centenario do seu pasamento.
A Xornada desenvolverase o martes 14 de novembro a partir das 16:00 horas con catro relatorios e pechándose, ás 20:00 h, cun concerto no Teatro Municipal. A entrada é libre até completar o aforo. O secretario do Consello da Cultura Galega, Silvestre Gómez Xurxo, indicou que a través desta xornada “poderemos coñecer moito máis de cal foi o seu papel, e a súa figura e cal era o seu escepticismo”. Nese senso indicou que sobre o escepticismo de Sánchez falará Idalina Maia Sidoncha, profesora da Universidade da Beira Interior na conferencia “O pensamento filosófico de Francisco Sánchez”.
Engadía que este tudense foi tamén un humanista e profesional da medicina, faceta que abordará Gonzalo Gómez García, profesor da Universidad Francisco de Vitoria, no relatorio “Primus inter pares: O perfil médico de Francisco Sánchez”. Na xornada tamén teremos a oportunidade de coñecer cómo era o Tui no que viviu Francisco Sánchez e a súa ascendencia a través dos relatorios dos historiadores tudenses Rafael Sánchez Bargiela e Suso Vila sobre “A biografía de Francisco Sánchez” e “A ascendencia xudía de Francisco Sánchez, o Tui da época e as relacións con Portugal”, respectivamente.
Pechando estas xornadas o Coro Vox Stellae ofrecerá o concerto “A propósito de Francisco Sánchez” ás 20:00 h no Teatro Municipal con entrada libre. O seu director Luís Martínez, explicou coma o grupo de cámara presentará “o periplo de Francisco Sánchez dende Tui a Roma” a través da música da época na que viviu comezando por unha peza anónima “Vidi aquam” do arquivo da Catedral, e interpretando “iste cognovit iustitiam” de Antonio Carreira “O moço” que representaría a súa relación con Portugal. Mentres vinculará a estadía de Francisco Sánchez en Italia coas obras “O quam gloriosum” de Tomás Luís de Vitoria, “Pose un gran foco” de Giovanni Pierlugi da Palestrina, e con “Donna celeste che Dio sei madre” e “Nell’ apparir del sempiterno sole” de “Francisco Soto de Langa”. Por último vinculada a época na que Francisco Sánchez viviu en Francia coa intepretación de tres obras de “Deux Courantes”, “Prelude” e “Branle simple” de Jean Baptiste Besard, e con “Divine amarillis”, “Alleluia. O filii et filiae” e “Nos esprits livres et conten” de Antonie Boesset. No concerto participarán once cantantes e un grupo de laude, guitarra barroca, clave e contrabaixo.
Francisco Sánchez, “O Escéptico”
Francisco Sánchez, coñecido como “O escéptico” ou “O Tudense”, tivo un espírito polifacético, que o leva a interesarse tamén pola astronomía e a matemática. Este observador infatigable da natureza escribiu a obra Quod nihil scitur («Que nada se sabe»), que é unha referencia fundamental do pensamento filosófico europeo de finais do século XVI.
Naceu en Tui como asinou el mesmo asinou na súa inscrición na Facultade de Medicina de Montpellier no ano 1573 (“Ego Franciscus Sanctius, hispanus, natus in civitate Tudensis”). A súa familia —de ascendencia xudía— residiu en Tui entre 1558 e 1564 pois está documentado nesta localidade o seu pai, o médico Antonio Sánchez. A presión social e inquisitorial aos “cristiáns novos” obrigou a familia Sánchez a fuxir a Bordeos, onde Francisco continuou a súa formación, que completou logo en Roma e Montpellier, ata instalarse finalmentemente en Tolosa. Alí traballou como médico no Hospital de Santiago e incorporouse á universidade tolosana, primeiro como profesor de Filosofía e logo de Medicina. Morreu en Tolosa o 16 de novembro de 1623, hai agora 400 anos.