O Rosal apraza a homenaxe aos seus cabaqueiros por mor do temporal, ata o sábado 18 de novembro
A demostración do traballo dos cabaqueiros na Praza do Calvario será o mesmo día ás 17h
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/VH7VTTJJWJDPNHY46GMQFDQXBM.jpg?auth=a3a0a0cfe19ee0c48dbacafdba360352d5d182d8148958d1dcccd51499394d87&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/VH7VTTJJWJDPNHY46GMQFDQXBM.jpg?auth=a3a0a0cfe19ee0c48dbacafdba360352d5d182d8148958d1dcccd51499394d87)
O Rosal adía a homenaxe aos seus cabaqueiros por mor do temporal.
O Concello pechará as III Xornadas de Patrimonio cunha fin de semana centrada non só no traballo destes artesáns cerámicos que percorreron toda Galicia, España ou mesmo Brasil, senón tamén no que estes profesionais supuxeron a nivel económico e social para a comarca.
A doutora en Xeografía, profesora en Ensino Secundario e investigadora Ánxeles Verea Castelo será a encargada de dar o pistoletazo de saída a esta homenaxe cunha charla sobre ‘Os fomentadores da industria do barro’.
Descendente dunha coñecida saga de fabricantes de Boimorto, no encontro Verea explicará como naceu a súa paixón polo coñecemento dos telleiros do Baixo Miño, destacando non só o importante papel que exerceron na construción dunha das grandes obras do século XVII, o estaleiro e arsenal de Ferrol, senón tamén o seu labor sentando as bases do nacemento de futuras industrias cerámicas en diversas zonas de Galicia ao reavivar, espallar e ensinar o oficio a moitos paisanos dos lugares a onde acudían a traballar.
A propia familia da investigadora aprendería o oficio destes telleiros a finais do pasado século XIX.
Ánxeles Verea investiga dende hai anos o traballo dos cabaqueiros, un traballo que a levou a escribir o libro ‘Os desprazamentos estacionais dos telleiros do Baixo Miño: 1750-1899’, que conseguiu o XV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. Nel a autora descubre datos inéditos dos telleiros da comarca e sitúa por primeira vez aos cabaqueiros como verdadeiros empresarios con capacidade económica, de xestión, asociación e de realizar investimentos.
A charla, prevista para este sábado 4, será o sábado 18 de novembro ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada de balde. Esa mesma tarde, a partir das 17h na Praza do Calvario haberá unha demostración do traballo destes temporeiros itinerantes que se distinguían pola súa alta calidade e o seu rendemento. A lectura do pregón será a cargo da propia Ánxeles Verea.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a desfrutar da fin de semana “para coñecer unha dura actividade artesanal que deixou un importante legado cultural no noso municipio, achegándose a un dos elementos fundamentais e diferenciais da nosa historia e poñendo en valor o noso patrimonio material e inmaterial”.