O Día do Veciño xuntará a cinco mil persoas de toda a provincia
O Pazo de Feiras e Congresos acollerá a comida veciñal, actuacións musicais e a entrega de recoñecementos
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/S3FSS5AADJEANMJ4PE2NCJH5SY.jpg?auth=49ccd1287e27655c4a8db43cb3f95c027c4ead814735c0e9388fcd4206f5b4f6&quality=70&width=650&height=487&focal=1068,960)
Representantes das asociacións veciñais da provincia na presentación do XXI Día do Veciño
![Representantes das asociacións veciñais da provincia na presentación do XXI Día do Veciño](https://cadenaser.com/resizer/v2/S3FSS5AADJEANMJ4PE2NCJH5SY.jpg?auth=49ccd1287e27655c4a8db43cb3f95c027c4ead814735c0e9388fcd4206f5b4f6)
Lugo
O lema deste XXI Día do Veciño, que se vai celebrar en Lugo o domingo 22 de outubro, é Necestiamos moitas mans, pero un só corazón. Dende logo serán moitas mans á gran mesa que se instalará no Pazo de Feiras e Congresos, porque a convocatoria rompe moldes e superará este ano os cinco mil asistentes de toda a provincia. Pero non só para comer porque son os propios membros da Federación quen vai poñer a mesa e servir a comida.
"Imos manter o esquema clásico", explicou na presentación o presidente da Federación de Asociacións de Veciños da provincia. A partir das dez da mañá quedará inaugurada a Exposición de Artesanía e produtos do campo e un pouco máis tarde, ás dez e media da mañá, a que repasa as actividades da Federación ao longo do ano. Non falta tampouco o partido de fútbol entre xornalistas, representantes políticos e veciños. Matiza Jesús Vázquez que entre a unha e media e as dúas será o momento crítico, porque "será cando nos sentemos á mesa, e non é facil facelo con cinco mil persoas".
Intentarán ser puntuais, promete, porque ás catro da tarde está prevista a entrega dos V, os recoñecementos a persoas que desenvolven na provincia unha labor relevante. Entre os nominados nesta edición están as filloeiras e filloeiros de Muimenta, a presidenta de FADEMUR, Verónica Marcos, polo seu traballo en favor da igualdade, e varias asociacións veciñais como a de Parteme, en Quiroga.
O menú está composto por unha lista de produtos da provincia con recoñecido prestixio. Haberá pementos de Mougán, pan de Antas, queixo da Ulloa, empanadas de Mondoñedo e o punto doce pono a bica mantecada do sur da provincia. Todo maridado coa música de A Roda, que cerrará cun concerto o encontro.
O presidente da Federación animou a desfrutar do encontro dos veciños de toda a provincia, ao que tamén acoden personalidades do eido político "de todas as cores", di Jesús Vázquez. Entre as confirmacións que relatou atópanse a do Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, o presidente da Deputación José Tomé e a alcaldesa Lara Méndez, e o candidato a ser o próxima proposta do PSdG-PSOE á Xunta, Xosé Ramón Gómez Besteiro.
Antía Montes
Radio Lugo