Vitrasa inicia a campaña “Bus Activo contra o cancro: esta viaxe facémola xunt@s” en colaboración coa AECC
O obxectivo é dar a coñecer os servizos que ofrece a asociación de balde a pacientes con cancro e familiares
Vitrasa colabora un ano máis coa Asociación Española Contra o Cancro en Vigo na difusión da súa nova campaña: “Bus Activo contra o cancro: esta viaxe facémola xunt@s” que pon o foco en visibilizar os servizos de balde que a Asociación pon a disposición de pacientes e familiares. Vigo convértese desta forma na primeira cidade da provincia en acoller un Bus Activo seguindo a outras cidades españolas como Álava e Guipúzcoa.
En concreto, Vitrasa colaborará vinilando un dos novos buses coa imaxe de campaña e visibilizando durante os vindeiros dous meses os servizos de balde que ofrece a Asociación Española Contra o Cancro en Vigo e que se centran en atención psicolóxica, atención social, logopedia, fisioterapia, atención psicosocial a pacientes avanzados e ás súas familias, voluntariado e talleres. Proba de todo este traballo é que durante a primeira metade de 2023 a Asociación realizou 3.282 intervención en Vigo e no pasado ano 2022 realizaron un total de 6.242 intervencións na cidade e 14.097 en toda a provincia.
Carlos González Lozano, director xeral de Vitrasa, declarou "estamos moi contentos de poder colaborar un ano máis coa Asociación Española contra o Cancro en Vigo, para que os vigueses e as viguesas que non os coñecen, saiban a labor tan importante que realizan na cidade e que podan acudir a eles se os necesitan. Ademais, tamén é unha forma de chegar a ese obxectivo que quere conseguir a Asociación, alcanzar o 70% de supervivencia en cancro en 2030, e iso soamente se consigue investindo en investigación".
"Dende a Asociación, estamos enormemente agradecidos con Vitrasa polo seu compromiso e colaboración ao longo dos anos. Gracias ao seu apoio podemos dar visibilidade a nosa labor e é unha oportunidade para que os veciños e veciñas de Vigo coñezan e se beneficien dos servizos de balde que temos para pacientes e familiares que aínda son descoñecidos para moitas persoas” comentou Rocío Allende, membro da Xunta Directiva da Asociación Española contra el Cáncer en Vigo.
Colaboración entre Vitrasa e a Asociación Española Contra o Cancro en Vigo
Vitrasa e a Asociación levan anos colaborando na concienciación sobre o cancro na cidade. No mes de febreiro do ano pasado a empresa axudou na difusión da campaña nacional “Non todos/as somos iguais fronte ó cancro” que puña o foco nas desigualdades fronte a enfermidade. Baixo o lema “o cancro é igual para todas as persoas, pero non todas son iguais fronte ó cancro”, a asociación quería mostrar todas as desigualdades que existen fronte esta enfermidade segundo onde vivas, a situación económica de cada quen ou o xénero. Vitrasa vinilou dous autobuses da compañía para visibilizar a campaña así como a emisión dun spot nas pantallas de todos os buses.
Con anterioridade colaborou tamén coa campaña “#SacaPeito polas máis vulnerables”, coa emisión dun vídeo que poñía o foco este ano nas mulleres que sofren este tipo de enfermidade e vólvense máis vulnerables economicamente debido a ela.