Un centenar de especialistas participan nun curso de investigación en psiquiatría en Vigo
O Curso conta coa presenza de recoñecidos especialistas, como o Dr. Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e membro do Centro Nacional de Genotipado, que será o encargado de abrir os relatos deste curso
Vigo
A psiquiatría galega ten a súa cita anual en Vigo, coa celebración do XXIV Curso de Investigación en Psiquiatría que se desenvolve estes días no Hospital Álvaro Cunqueiro e no que participan máis dun centenar de expertos nacionais e internacionais relacionados coa saúde mental.
A organización do evento corre a cargo da Asociación Galega de Psiquiatría (AGP), contando coa colaboración do SERGAS -a través da Área sanitaria de Vigo- e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, sendo os seus coordinadores, o especialista en Psiquiatría, José Ramón Villamarín e o xefe do Servizo de Saúde Mental da Área Sanitaria de Vigo, José Manuel Olivares, que tamén é investigador co-responsable do Grupo de Neurociencia Traslacional do IIS Galicia Sur. Trátase do único grupo galego de investigación vinculado ao Centro de Investigación Biomédica en Red Salud Mental (CIBERSAM), dependente do Instituto de Salud Carlos III, institución que ten como obxectivo buscar a sinerxía entre os grupos punteiros en investigación dos trastornos mentais a nivel nacional e o traslado á clínica dos achados nas investigacións realizadas neste terreo.
O acto inaugural celebrado hoxe, estivo presidido polo Xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, que estivo acompañado pola Directora Científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), Eva Poveda.
Investigación, retos e avances
Segundo o seu coordinador, o doutor Olivares, “este XXIV Curso ten como obxectivo coñecer de primeira man os avances máis novidosos na investigación psiquiátrica e na saúde mental. Por isto, contar con autoridades neste ámbito que desenvolven seu labor no conxunto de España e no estranxeiro supón unha oportunidade esencial para os e as profesionais da psiquiatría en Galicia, que teñen neste curso unha cita coa investigación más recente para tratar de afrontar os retos actuais na saúde mental”.
Para este fin, o Curso conta coa presenza de recoñecidos especialistas, como o Dr. Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e membro do Centro Nacional de Genotipado, que será o encargado de abrir os relatos deste curso.
Con posterioridade intervirán as doutoras María Llorens Martín, investigadora do CSIS no Centro de Biología Molecular Severo Ochoa de Madrid, e Ana Catalán Alcántara, psiquiatra do Hospital Universitario de Basurto. Os relatorios desta primeira sesión finaizará coa intervención do Dr. Carlos María de Viu, xefe do Servizo de Saúde Mental do Servei Andorrá d’Atenció Sanitaria.
Xa na sesión do sábado, o primeiro relator será o Dr. Guillermo Lahera Forteza, profesor titular de Psiquiatría na Facultade de Medicina da Universidad de Alcalá de Henares e xefe de Sección do Hospital Príncipe de Asturias de Alcalá de Henares. Tras esta intervención, o relator será o Dr. Pedro Luis Morgado, psiquiatra pertencente á Escola de Medicina da Universidade do Minho (Portugal).
Finalmente, terá lugar a conferencia maxistral a cargo do profesor Germán Berrios, catedrático emérito de Epistemoloxía da Psiquiatría, da Universidade de Cambridge (Reino Unido).
Preto de 70 mil consultas ao ano
As Unidades de Saúde Mental da Área Sanitaria de Vigo atenderon o pasado ano un total de 67.394 consultas externas.
Por grupos, na Unidade de Prevención do Suicidio atendéronse mais de 2.500 consultas; Saúde Mental Infanto-Xuvenil, 7.517 consultas; e psicoxeriatría foron 3.499 consultas.
No que atinxe a ingresos, o servizo de Saúde Mental rexistrou 1.326 ingresos na Unidade de Agudos do Hospital Álvaro Cunqueiro, que conta con 62 camas. Pola súa banda, as Unidades de Hospitalización e Rehabilitación, situadas no Hospital Nicolás Pena, recibiron 50 novos ingresos no último ano.
O Hospital de Día psiquiátrico atendeu un total de 8.369 estancias, mentres que no Hospital de Día Infanto-Xuvenil atendéronse máis de 700 consultas en programas específicos. Pola súa banda, o equipo de Continuidade de Coidados realizou preto de 3.500 visitas domiciliarias a pacientes, tanto en fogares protexidos como noutros domicilios.