Actividades para tódalas idades en ‘Outubro mes da Biblioteca’
A programación en Tui comeza o próximo martes con contacontos e unha exposición

Biblioteca Municipal de Tui

Tui
Ao longo do mes de outubro celebrarase en Tui un amplo programa baixo o título de “Outubro mes da biblioteca”. Está organizado pola Biblioteca Municipal tudense co obxectivo de achegar á lectura á sociedade tudense con actividades tanto para público infantil coma adultos, e exposicións.
A primeira proposta chegará o próximo martes, 3 de outubro, ás 17.30 h con La Compañía Espectacular o contacontos con música en vivo “Os nunkis e obradoiro creativo” dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos. Nesta mesma xornada ás 19.30 h inaugurarase na Sala Municipal a exposición fotográfica “Cuentos, relatos y narraciones” de Manuel Martínez Tobaruela.
O martes 10, ás 17.30 h, realizarase un obradoiro de robótica educativa no que nenos e nenas de 6 a 12 anos poderán deseñar e programación diferentes robots con material e Lego Educación.
O sábado 14, ás 12.30 h na Sala Félix Rodríguez presentarase o libro “Ribadelouro: terra e auga é vida” de Manuel Vázquez de la Cruz, nun acto no que amais do autor participarán María Teresa Vázquez de la Cruz e Marga do Val. Unha mesa redonda analizará o luns 16 ás 20 h a vida e obra de escritora tudense María Tydeska coincidindo coa conmemoración do Día das Escritoras.
A nenos e nenas de 3 a 6 anos vai dirixido o espectáculo “CantaContos Kairos” que Tania Justo presentará o martes 17 ás 17.30 h. E por último pechando este programa o martes 24, Día da Biblioteca, ás 17.30 h Charo Pita presenta “Porco, porquiño, ensíname o Camiño” no que bebés de 0 a 3 gozarán con contos, brincadeiras, rimas e cancións.