A Aula de Teatro do Rosal levanta o pano do novo curso
Dirixida a persoas a partir de 16 anos, as clases impartiránse os mércores de outubro a xuño na Escola Simón do Mazo


A Aula de Teatro do Concello do Rosal dá a benvida a un novo curso. Impartida por Artística Teatro & Danza, o alumnado poderá aprender e traballar en clases eminentemente prácticas os aspectos e técnicas básicas de creación escénica, como a expresión dramática, a improvisación ou a creación de personaxes.
As clases comezarán o vindeiro mes de outubro e impartiranse ata xuño todos os mércores de 20.30 a 22.00 horas na Escola Simón do Mazo. Dirixida a persoas maiores de 16 anos, para que a Aula de Teatro continúe coa súa actividade deberá haber un grupo mínimo de 10 participantes. O prezo da actividade será de 20 euros ao mes.
As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou inscribirse xa na actividade chamando ao teléfono 986 62 50 00.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a participar na Aula de Teatro do Concello, unha actividade “que busca achegar as artes escénicas a todos os rosaleiros e rosaleiras ao tempo que se impulsa un punto de encontro no que poidan confluír todas as inquietudes deste campo artístico”.