Rubén Arroxo: "Que lle pasa á Xunta de Galicia con Lugo?
O tenente de alcalde afea que o goberno autonómico aporte 25.000 euros ao San Froilán e a outros festexos varios millóns
![Rubén Arroxo: "Que lle pasa á Xunta de Galicia con Lugo?](https://cadenaser.com/resizer/v2/https%3A%2F%2Fcloudfront-eu-central-1.images.arcpublishing.com%2Fprisaradio%2FYMZPIN2KXNA3TOHVTPBLYOG2FI.png?auth=4a6fc5f31ca818e5825255092bc43a0aeb177474975927e527afd063c41d1b22&quality=70&width=736&height=414&smart=true)
Rubén Arroxo: "Que lle pasa á Xunta de Galicia con Lugo?
10:49
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Lugo
"Que lle pasa á Xunta de Galicia con Lugo?" Esta é a pregunta que o voceiro do BNG, e tenente de alcalde, Rubén Arroxo, se fai para atopar unha resposta que xustifique "o pouco investimento" que se fai dende a Xunta de Galicia na capital lucense.
Arroxo afea ao goberno de Alfonso Rueda a súa escasa implicación no desenvolvemento das festas patronais de Lugo: o San Froilán. "Para eventos coma o festival 'O Son do camiño' a Xunta abona dous millóns e medios de euros, pero para o noso San Froilán 25.000 euros". Unha cantidade que considera mínima xa que "non da nin para pagar a metade do caché dun artista".
Dos 750.000 euros que o concello conta para investir na confección do programa de festexos do mes de outubro, 30.000 son aportacións de empresa privada, 25.000 da Xunta e o resto, di, sae das arcas municipais.
Malia que dende a área de cultura do BNG insisten en que esta é "das mellores programacións dos últimos anos",o certo é que o orzamente é considerablemente menor ao do pasado 2022, que roldaba o millón de euros.
"Teremos espectáculos itinerantes polas rúas, maxia, música de todos os estilos con grupos como Baiuca, la MODA, Eliades Ochoa... un cartel moi completo e onde tamén pensamos nos nenos e nenas de Lugo", dixo Arroxo.
Rolda Leste 2.0
Na súa visita ao Hoy por Hoy Lugo, Rubén Arroxo respondeu atónito ás declaracións da conselleira de insfraestruturas, Ethel Vázquez. A popular afirmou nos micrófonos de Radio Lugo SER que "hai 20 millóns de euros parados porque o Concello non nos propón un trazado alternativo ao que nós damos. Xa que non queren o que nós deseñamos, que nos digan que queren e onde queren modificalo para poder avanzar", sentenciou.
Porén, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acusou á Xunta de Galicia de non estar "a facer o seu traballo", xa que esta é "competencia do organismo autonómico e non do goberno local". Dende o bloque, Arroxo tamén respondeu indicándolle onde poden investir "se o problema son os cartos retidos". "Que teñen 20 millóns parados? Marabilla! xa lles dixemos que poden investilos no barrio de A Tinería, que teñen abandonado dende hai décadas", denunciou.
Dende o BNG denuncian o "abandonadas que están as conexións en xeral da cidade" co resto do territorio provincial e nacional. "Vas a Chantada e é como ir no Dragon Khan, as pirámides exipcias tardaron menos en facerse que a conexión con Santiago, hai un ano caeu unha ponte en Pedrafita e así seguimos...", describe.
Para Arroxo a atención que se presta, en xeral, á cidade é mellorable e "exemplo é que somos a única capital de provincia sen conectarse en tren".
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo