Unións Agrarias urxe á Xunta medidas ante a baixada dos prezos do leite que aplican as industrias aos gandeiros
Aseguran que cada explotación da provincia de Pontevedra perderá máis de 28.000 euros


20,2 millóns de euros. É a cantidade que as explotacións de leite da provincia de Pontevedra deixarán de ingresar este ano a consecuencia das reiteradas baixadas de prezo impostas polas industrias segundo Unións Agrarias.
A redución de tarifas que as granxas se viron na obriga de aceptar, primeiro en abril e agora de novo neste mes de agosto, suporá unhas perdas de máis de 28.000 euros para cada unha das 720 granxas existentes nesta provincia. Unha caída de ingresos imposta sen xustificación de mercado e á marxe das obrigas que estipula a Lei de Cadea Alimentaria que Unións Agrarias denunciará ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e ante as AICAs autonómica e estatal, según datos do sindicato.
O secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias, Félix Porto, e o responsable provincial da organización, Javier Iglesias, dixeron hoxe en Pontevedra que logo da renovación de contratos deste mes de agosto, o prezo medio que os gandeiros galegos perciben por litro de leite sitúase nos 0,48€; case 11 céntimos por debaixo do que cobraban a comezos de ano. As sucesivas rebaixas impostas de xeito unilateral polas industrias prodúcense sen que exista ningunha razón de mercado que as avale. “E, o que é peor: totalmente á marxe da evolución dos custos dos insumos, o que na práctica supón obrigar ás explotacións a cobrar por debaixo de custos de producción”.
Dos 198 millóns de euros que as ganderías de leite galegas deixarán de ingresar neste 2023 a causa desta actitude ilícita das industrias 20,2 corresponden a Pontevedra. Unhas cifras que supoñen unha baixada de ingresos de máis de 28.000 euros para cada unha das 720 explotacións desa provincia.
Unións Agrarias destaca as coincidencias existentes entre os contratos que unhas e outras industrias poñen fronte aos gandeiros cos que traballan: todas coas mesmas baixadas de prezo e todas con idéntica redacción e cláusulas.
Este feito, sumado á resistencia das industrias a negociar contratos e a os reiterados incumprimentos no que á duración e prezos de presentación dos mesmos se refire, servirá de fundamento para as denuncias que Unións Agrarias xa está a preparar. Unhas demandas que a organización agrogandeira levará ante a AICA galega e estatal e tamén ante a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia; un oganismo que no 2019 xa impuxo unha sanción millonaria ao cártel do leite por pactar prezos á baixa de xeito ilícito.
Unións Agrarias di que: “mentres as industrias forzan estas reiteradas baixadas do prezo do leite en orixe, o que os consumidores pagan nos puntos de venda por ese mesmo leite non ten sufrido variacións. Así, no que levamos deste 2023 o PVP do leite de marca branca mantívose estable en 0,90€/litro, mentres que o prezo percibido polos gandeiros acadou unha media de 0,552 €/l; o que supón unha baixada do -6,2% respecto do prezo rexistrado en xaneiro (0,588€)”.
A Comunidade, un agravio comparativo
Unións Agrarias destaca tamén o caso concreto de Central Lechera Asturiana; unha firma cunha actitude especialmente sangrante por discriminatoria, xa que aplica tarifas diferentes aos gandeiros segundo a súa ubicación: ata sete céntimos menos para un galego que para un asturiano.
Unións Agrarias aproveitou a convocatoria de prensa desta mañá en Pontevedra para volver incidir no bloqueo que a paralización da campaña de vacinación de lingua azul está a supoñer nas explotacións galegas. A falla de veterinarios suficientes ten ás ganderías de vacún contra as cordas, posto que os meses pasan e os animais que na última visita dos equipos sanitarios aínda non se atopaban en idade de vacinación xa deberan ter saído ao mercado ou cara a centros de recría.