NigránJazz está dedicado aos novos prodixios musicais e contará co guitarrista americano Steve Cardenas
A 17 edición do festival terá lugar o 28 e 29 de xullo no esteiro da Foz. O músico estadounidense impartirá unha master-class e ofrecerá un concerto acompañado por dous artistas galegos
O Concello de Nigrán ofrecerá o 28 e 29 de xullo a edición máis xuvenil da historia do Nigranjazz e contará co célebre guitarrista estadounidense Steve Cardenas, profesor da mítica New School de New York, que ofrecerá tamén unha master-class.
“Este ano destaca a mocidade dos músicos, moitos deles galegos que se están a formar en Holanda ou Suíza e, que, a súa vez, teñen contacto alí con outros artistas europeos. A través deles, os mellores da súa xeración, os asistentes poderán constatar que o futuro do jazz mundial está en moi boas mans”, destaca Felipe Villar, director do festival e quen desde o principio apostou por mesturar nas formacións do Nigranjazz a músicos internacionais con locais. Deste xeito, unha das xoias desta edición será poder ver o sábado 29 ao guitarrista de Kansas Steve Cardenas nunha formación creada ex-profeso para o festival co catalán Simón Osuna ao contrabaixo e do galego David Puime á batería, ambos tamén mozos que non chegan á trintena.
Programación para esta edición
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/HKR3XMGZTJCHVH6XY7YNDEMOCM.jpg?auth=2d787a005ac115949789b1e23caf647ba1868e0c469b748426b7cf9e7ec42615&quality=70&width=650&height=780&smart=true)
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/HKR3XMGZTJCHVH6XY7YNDEMOCM.jpg?auth=2d787a005ac115949789b1e23caf647ba1868e0c469b748426b7cf9e7ec42615)
Así, o pianista vigués Suníl López abrirá o festival o venres 28 con Joan Codina ao contrabaixo e Genius Wesley á batería, seguido do guitarrista italiano Simone Basile co seu quinteto (Manuel Caliumi ao saxo, Enzo Carniel ao piano, Ferdinando Romano ao baixo e Giovanni Paolo Liguori á batería). O sábado 29 será o turno do trío do saxofonista Miguel Seoane (Mauro Cottone ao contrabaixo e Giacomo Camilletti á batería) e a continuación, o concerto estelar de Steve Cardenas (nos vindeiros días ofrecerase información para apuntarse á masterclass do sábado pola mañá no Auditorio Municipal). Como é habitual, tras cada xornada haberá jam-session no mesmo recinto (o venres a abre o cuarteto do trompetista Gabriel Saitto e o sábado o do guitarrista Martín Verde).
“É un orgullo para Nigrán contar cun dos festivais de jazz máis lonxevos de Galicia e poder ofrecer á grandísima canteira que temos a oportunidade de tocar con músicos internacionais e de aprender con eles grazas ás master-class”, subliña o alcalde, Juan González, quen apostou pola creación do Nigranjazz sendo precisamente edil de Cultura.
Como cada ano, será un festival inclusivo que disporá de mochilas vibratorias para toda aquela persoa xorda que o solicite previamente no info@entresignos.com ou no whatsapp 690679675.
Igualmente, a unión de música e deseño que se mesturan grazas ao concurso de carteis ‘Quin Alborés’ (deseñador gráfico falecido que impulsou o festival e deseñou os tres primeiros carteis) será visible durante todo o mes de xullo nunha exposición que recopila todos na fábrica de cervexas Banda (Parque Empresarial Porto do Molle, Rúa do Labrego, 22, nave 5E).
Historia do festival
O Nigranjazz cumpre 17 anos sendo o festival máis lonxevo organizado dende o Concello de Nigrán e o único adicado ao jazz de toda a comarca do Val Miñor. Actualmente está considerado entre músicos, afeccionados e prensa especializada como un dos mellores do noroeste peninsular debido á calidade dos artistas que nel participan.
A diferenza doutros festivais, aposta por un jazz puro, lonxano das vangardas. Sempre con entrada gratuíta, celébrase no espazo clasificado na Rede Natura do esteiro de A Foz, na Ramallosa, dende que en 2007 o impulsasen veciños de Nigrán entusiastas desta música, manténdose activos na organización co músico Felipe Villar á cabeza. Desde entón, conseguiuse achegar a Nigrán a algúns dos mellores artistas a nivel internacional, por el desfilaron, entre outros, Peter Bernstein, Gilad Hekselman, Bill McHenry, Jorge Rossy, Marteen Hogenhuis, Joe Martin, Chris Cheek,Kurt Rosenwinkel, Jean Michel Pilc, Eve Cornelious... Pero non hai que esquecer que o festival é tamén un espazo para os cada vez máis e mellores músicos de jazz galegos, así, é xa tradición que se integren nas formacións internacionais músicos locais, compoñendo agrupacións en exclusiva para o evento e dando a oportunidade aos músicos de aquí de presentar os seus traballos.