O concello do Rosal abre o prazo de inscrición para o seu campamento de verán
Conta con 30 prazas e as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 2 de xuño

Cartel do campamento de verán que organiza o concello do Rosal

O Rosal
Xa está aberto p prazo de inscrición no campamento de verán municipal para nenos e nenas matriculados durante o curso 2022/2023 en educación infantil ou educación primaria que estean empadroados no Rosal ou que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio no municipio.
O campamento desenvolverase na Escola de Pancenteo durante os meses de xullo e agosto e contará con 20 prazas de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas e outras 10 prazas en horario de 08:00 a 15:00 horas. De todas estas prazas, 3 estarán reservadas de inclusión. O prezo por persoa será de 100 ou 125 euros ao mes, dependendo do horario solicitado na inscrición.
As persoas interesadas en reservar praza poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro venres 2 de xuño presencialmente no Rexistro do Concello de 09:00 a 14:00 horas ou por Sede Electrónica. Entre a documentación a achegar, deberase presentar a solicitude de participación, a autorización de recollida da ou do menor, o cuestionario de saúde e autonomía persoal, a fotocopia do DNI do pai/nai/titor/titora do ou da menor, a fotocopia do libro de familia, a vila laboral actualizada ou certificados específicos de discapacidade da persoa participante, familia monoparental, familia numerosa ou de traballar ou posuír un negocio no Rosal en caso de precisalo.
O Concello elaborará unha listaxe de persoas adxudicatarias das prazas, así como unha listaxe de reserva. No caso de renuncia, a listaxe irá correndo segundo orde numérica.