A Ramallosa presenta o mural da artista internacional Lula Goce
‘A Dona do Esteiro’ é a súa primeira medianeira na comarca, situada entre a rúa Argonautas e Romana Baixa


A Ramallosa loce "irrecoñecible" grazas á "Dona do Esteiro". Así o sinala o Concello de Nigrán nun comunicado no que dan a presentar o traballo da artista Lula Goce, un mural contratado polo concello para a transformación da gran medianeira de 250 m² situada na esquina entre rúa Argonautas e Romana Baixa e o muro da piscina mancomunada ata o Camiño da Cabreira. "Tras tres semanas pintando neste espazo anodino pero de gran afluencia de xente o resultado final impacta á veciñanza pola súa beleza e pola súa capacidade de transfigurar lugares", indican dende o concello.
A artista nacida en Baiona e con taller en Nigrán concentra na localidade o seu maior número de obras de toda Galicia, sendo esta a súa primeira medianeira do Miñor. Así, no 2018 pintou a fachada do CEIP Carlos Casares de Vilariño, no 2020 o Campo Municipal de Condomínguez de Priegue e, no mesmo ano, un gran mural en Panxón. Todas pezas contratadas polo Concello e ás que agora se suma ‘A Dona do Esteiro’, polo que o municipio forma unha parte esencial do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia... “É unha honra traballar en casa e que a veciñanza se amose tan receptiva e cariñosa conmigo, son de Baiona e tamén filla adoptiva de Nigrán”, confesa a artista.
"É un punto neurálxico de Nigrán, ao carón da Piscina Mancomunada, o parking municipal e toda a zona comercial, á que queremos apoiar con esta baza positiva. A transformación que supón da contorna é espectacular e a acollida da xente marabillosa; será un referente máis do noso municipio como xa o son os seus murais no mundo enteiro", considera o alcalde, Juan González.
Unha vez máis, como é característico na súa obra, a exhuberancia da natureza e a beleza feminina mesturarase neste gran conxunto mural para trasladar á cidadanía unha mensaxe en defensa do medioambiente e tamén de orgullo de pertenencia e de identidade compartida. "A Foz é o gran punto de encontro dos tres municipios, un lugar que forma parte esencial do que significa o Miñor e que é realmente marabilloso", explica Lula, asidua aos paseos polo esteiro para admirar os atardeceres ou as propias garzas que traslada tamén ao mural. Como punto gótico, tamén habitual na súa obra, o bestiario ou gárgola que a muller sostén na man, “simboliza o lado escuro do ser humano, a parte máis oculta e que tamén conforma a nosa personalidade”.
Lula Goce, nacida en Baiona, licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na Escola da Dona, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro.