A OMIX de Tomiño, un dos dez participantes de toda España nun dos grupos de traballo do proxecto Hey!
Esta iniciativa do programa europeo Erasmus+ busca fortalecer as capacidades da poboación nova, especialmente das persoas con menos oportunidades


Tomiño segue achegando o seu gran de area e participando en proxectos europeos a prol da mocidade. A OMIX tomiñesa é un dos dez integrantes dun dos grupos focais do proxecto Hey!, unha iniciativa do programa europeo Erasmus+ na que colaboran seis países e que busca fortalecer as capacidades da poboación nova, especialmente daquelas persoas con menos oportunidades.
Trátase do segundo grupo focal, integrado por 10 persoas, entre as que se atopan traballadores e traballadoras xuvenís, líderes da mocidade, provedores de servizos sociais, operadores, docentes, formadores ou institutos. Neste grupo de traballo os esforzos céntranse en analizar a situación da mocidade en aspectos como o apoio do sistema para o retorno de mozas e mozos migrados e a súa incorporación ao mercado laboral, a transparencia e calidade da información recibida sobre oportunidades formativas e laborais, as medidas para tomar conciencia das oportunidades para a mocidade no país ou os principais desafíos que enfrontan cando regresan ao seus países.
“Temos que traballar para acompañar á nosa mocidade, que sufre as consecuencias socioeconómicas e sanitarias provocadas non só pola pandemia, senón tamén pola crecente exclusión social en campos como a educación, o mercado laboral, o acceso á vivenda ou a saúde como resultado da falta de políticas sociais xerais que non respondían ás súas necesidades”, destaca a alcaldesa, Sandra González.
O proxecto Hey! establece unha estratexia transnacional de traballo xuvenil intelixente e dixital con diferentes accións que rematarán no ano 2024 con seis conferencias en cada país socio para difundir os resultados do proxecto e compartir o coñecemento adquirido durante a implementación do proxecto cos axentes públicos e privados.
A raíz do proxecto elaborouse a guía ‘Aumentar o compromiso da mocidade’, que representa o primeiro resultado do proxecto e busca entender o contexto dos mozos e mozas con menos oportunidades, as súas necesidades de aprendizaxe e motivacións, o seu nivel de acceso a oportunidades e ferramentas que poidan axudarlles a involucrarse como actores de cambio nos seus contextos locais. As persoas interesadas en obter esta guía poden contactar coa OMIX de Tomiño.