Hoy por Hoy Baixo MiñoHoy por Hoy Baixo Miño
Sociedad | Actualidad
Fotografía

Tui recupera cunha exposición o traballo dos primeiros fotógrafos da cidade

‘A orixe da fotografía de Tui’ pódese visitar na Sala Municipal de Exposicións até o próximo luns 17 en horario de mañá e de tarde

Os catro primeiro fotógrafos que tiveron estudo en Tui, Maximino Antonio, Pedro Varela, Rosendo Bugarín Menoyo e Gonzalo Gutiérrez, son os protagonistas da mostra “As orixes da fotografía en Tui”.

A mostra, organizada polo Concello de Tui, foi inaugurada o sábado 8 de abril, na Sala de Exposicións Municipal, no marco das actividades programadas nas Festas de San Telmo. O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, o deputado provincial Carlos López Font, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, o historiador Carlos Castelao e os comisarios da exposición Javier Álvarez Ribadulla e Jose Font.

A mostra recolle as orixes do oficio da fotografía e a chegada dos primeiros fotógrafos e estudos á cidade de Tui. Cun percorrido que tamén fala da chegada desta arte a Galicia, cara o ano 1841, recóllense imaxes e datos de distintas personalidades tudenses coma Rosendo Bugarín, o primeiro fotógrafo tudense de nacemento, pero tamén do pioneiro neste arte da fotografía na cidade como foi o fotógrafo orixinario da Cañiza Maximino Antonio Rodríguez, que montou o seu establecemento en 1870. Tamén se recollen os retratos de Pedro Varela Burgo-da Ulla, natural de Lugo que foi o segundo fotógrafo en ter gabinete de fotografía en Tui. Forma parte tamén desta exposición Gonzalo Gutiérrez que continuou a saga iniciada polo seu pai, José Félix Gutiérrez Rodríguez.

Na exposición pódense visualizar retratos individuais e familiares, encontros de músicos e de amigos, todos eles feitos por catro destes fotógrafos ‘residentes’ en Tui, así coma dúas fotografías de María Vila Fernández, a esposa de Pedro Varela, que foi unha das poucas mulleres con estudo propio na provincia de Pontevedra.

A mostra "A orixe da fotografía en Tui" pode visitarse na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez, visitar de luns a venres en horario de 9h00 a 14h00 e de 16h00 a 21h00, e sábados, domingos e festivos de 12h00 a 14h00 e de 17h00 a 21h00.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00