Máis de 240 nenos e nenas participan no XI Torneo Infantil ORosalCup
O 7 de abril clubs da comarca disputarán a fase previa, mentres que o día 8 celebrarase a final con equipos galegos e lusos
O Rosal volve encherse de deporte durante a Semana Santa. Máis de 240 nenos e nenas participarán esta semana no XI Torneo Infantil ORosalCup, unha nova edición deste xa tradicional evento deportivo organizado pola UD Ribera en colaboración co Concello, Deputación de Pontevedra, Real Federación Galega de Fútbol e Deporte Galego. Trátase dunha competición de referencia do fútbol base infantil no Baixo Miño e a nivel galego no que se pon en valor o deporte base.
Xogadores e xogadoras nados en 2009 e 2010 van gozar desta cita anual que se disputará en dous días. O venres 7 de abril a partir das 15.30 horas celebrarase a fase previa, na que os clubs da comarca tentarán atopar o seu oco na final. Nestes encontros participarán a UD Ribera, o Sporting Guardés, o AD Tomiño e o Goián CF.
Xa o sábado 8 de abril o gañador da fase preliminar enfrontarse ao equipos da máxima categoría galega e clubs portugueses que visitarán O Rosal para gozar dunha apaixonante xornada de fútbol. A fase final contará coa participación da UD Ribera do Rosal, do SC Braga luso, do UD Santa Mariña vigués, do CD Areosa de Vigo, o EF Portero 2000 de Pontevedra, o Pabellón Ourense CF e o CD As Pontes. A derradeira xornada comezará ás 09.00 horas e rematará sobre as 20.45 horas.