Voluntariado municipal retira máis de 575 kg de lixo na Ponte das Partidas
O Concello organiza unha nova saída este domingo 26 de marzo ás 1700 para percorrer e limpar a Senda do río Tea
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/HSEMIJTVMNEZNPDQLTXLXTVNNU.jpg?auth=d90c9cbe9ddfb49fd8c877a208110eee7633ab2a6832115af8019c901c59ec84&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/HSEMIJTVMNEZNPDQLTXLXTVNNU.jpg?auth=d90c9cbe9ddfb49fd8c877a208110eee7633ab2a6832115af8019c901c59ec84)
As rapazas e rapaces do voluntariado ambiental xuvenil recolleron máis de 575 kg de lixo na súa última saída, na que percorreron un tramo do río Tea ao seu paso pola zona da Ponte das Partidas, na parroquia de Moreira.
Entre o lixo recollido destacan principalmente as toalliñas húmidas, das que recolleron case 2.600, as 1.180 pezas de plástico de ata 50 centímetros, 137 compresas e salvaslips, 98 pezas de vidro, 87 tapóns e chapas de latas de bebida, 56 botellas e tarros de vidro e 55 bolsas plásticas. Co seu traballo, estas voluntarias e voluntarios retiraron da beira do río e da súa contorna 30 quilos de vidro, case 60 de envases que deberían estar no colector amarelo, uns 188 kg da fracción resto e ata 300 quilos de elementos que deberían depositarse no punto limpo.
O concelleiro de Voluntariado, Miguel Bouzó, quixo resaltar a importancia da retirada de todo o lixo recollido durante a xornada e agradecer o traballo de todas e todos os participantes no programa de voluntariado ambiental xuvenil, “a través do que realizamos accións coas que contribuír a acabar co grave problema que supón o abandono de lixo nun espazo natural, pero tamén concienciamos á nosa mocidade sobre a importancia de conservar a nosa contorna natural”.
A xeira de saídas do programa de voluntariado ambiental xuvenil continuarán este domingo 26 de marzo cunha limpeza pola Senda do Tea. A actividade comezará ás 17h00 e, como en ocasións anteriores, recoméndase a todas as persoas voluntarias acudir con roupa e calzado cómodo, así como con luvas e calzado de auga
Todas as persoas interesadas en participar poderán solicitar información ou inscribirse no 687 764 516 ou enviando un correo ao enderezo electrónico voluntariado@ponteareas.gal.