Nigrán ofrece un curso de manexo de smartphones para maiores
O curso prestará especial atención á aplicación ‘Sergas Móbil’ e será de balde previa inscrición
O Concello de Nigrán ofrece do 28 de Febreiro ao 18 de Abril no Local Social de Vilameán un obradoiro para aprender a manexar aplicacións móbiles, destinado a xubilados empadroados no municipio e será impartido por María José Parada Santoro, profesora xubilada. O curso, que se desenvolverá os martes de 11:00 a 12:30 horas, é de balde e prestará especial antención ao uso da aplicación do ‘Sergas Móbil’, ao almacenamento de imaxes e ás posibilidades doutras apps.
“Moitos maiores síntense moi inseguros á hora de empregar o móbil, polo que este curso busca que se atopen cómodos á hora, por exemplo, de pedir unha cita médica a través da app do Sergas”, explica o alcalde, Juan González, sobre esta iniciativa da Concellería de Maiores que dirixe a edil María Mayán. “Non son nativos dixitais e moitos precisan formación práctica ao respecto, especialmente agora que se van a retirar as tradicionais cartillas bancarias, e este tipo de cursos son moi útiles porque lles pode facilitar moito o seu día a día”, resume Mayán.
Constará de 10 prazas, de inscrición de balde
O curso terá 10 prazas e a inscrición debe facerse presencialmente este venres 24 na Oficina de Información do Concello de 9:00 a 12:00 horas. As prazas distribuiranse por rigorosa orde de chegada. Para participar é preciso acudir con un smartphone cargado de batería.