A RAG celebra o Día da Lingua Materna cunha chamada contra a "presión desgaleguizadora" no ámbito educativo
Henrique Monteagudo insta a actuar á Xunta, ás administracións locais, a toda a comunidade escolar e ás familias
Henrique Monteagudo, sociolingüista
09:32
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
Este martes, 21 de febreiro, celébrase o Día Internacional da Lingua Materna e a Real Academia Galega (RAG) publicou unha tribuna do académico Henrique Monteagudo que apunta á "presión desgaleguizadora" que sofren os nenos e mozos galegofalantes á hora de integrarse no ámbito educativo, non só dentro das aulas e co profesorado, senón tamén fóra delas, ao relacionarse cos seus compañeiros.
A Unesco, que convoca esta celebración, pon o foco, precisamente, no ámbito escolar. Neste contexto, Monteagudo, como coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, sinala que "dúas dos maiores desafíos" aos que se enfronta o galego para garantir o seu futuro son "a ruptura da súa transmisión xeracional" de pais a fillos e a "presión desgalleguizadora" na escola.
E é que "ambos os fenómenos están intimamente relacionados", tal e como sinala o académico, en referencia a estudos realizados polo Seminario de Sociolingüística da RAG nos últimos anos. #Ante ambos os desafíos, ve "evidente" que debe haber "liñas de actuación eficaces" por parte da Xunta e colaboración entre administracións.
O Día Internacional da Lingua Materna deste 2023 ten por lema 'A educación multilingüe: unha necesidade para transformar a educación'. #De acordo con datos da ONU, o 40 por cento da poboación escolar do mundo non ten acceso ao ensino nunha lingua que fale ou entenda.
Nacións Unidas saúda que se avance "na educación multilingüe", pero sinala que "debe estar baseada na lingua materna ou primeira lingua dos estudantes". É dicir, debe comezar naquel idioma que o alumno domina mellor para logo introducir outros "gradualmente", o que "facilita o acceso e a inclusión na aprendizaxe".
No caso de Galicia, Henrique Monteagudo lamenta na súa tribuna que mentres as familias teñan a percepción de que os seus fillos van ter máis facilidade para aprender e integrarse no medio educativo falando castelán e non galego, "manterase a tendencia para deixar de lado o idioma tradicional da familia e adoptar o castelán".
Así, o académico destaca o programa piloto que a RAG desenvolve no municipio de Ames (A Coruña), coa colaboración da comunidade educativa e do concello, para evitar o abandono do galego nas aulas. Trátase de "deseñar estratexias eficaces" que permitan romper co "círculo vicioso" da ruptura da transmisión xeracional e o papel "desgalleguizador" da educación.
Con todo, Monteagudo ve "evidente" que, para "afrontar este desafío", precísanse "liñas de actuación eficaces do Goberno galego, a colaboración entre as distintas institucións --as administracións locais teñen moito que achegar neste terreo-- e a implicación das familias e do conxunto da comunidade educativa".