Hora 14 VigoHora 14 Vigo
Sociedad | Actualidad
Música

A terceira edición do programa "Descúbreas" da Deputación de Pontevedra comeza o vindeiro mércores en Vigo

Alba Nogueira e Xía Rodríguez, estudantes da ESAD de Vigo, presentarán a gala

Rafa Estevez

A Deputación de Pontevedra, en colaboración con Regalamúsica, ten todo listo para iniciar unha nova edición do programa “Descúbreas”, a plataforma para fomentar o talento feminino ma industria musical, avalada cun premio Martín Códax ao mellor espazo de comunicación e divulgación musical. O tiro de saída será este próximo mércores ás 20:00 horas, cando a Deputación celebrará na sede de Vigo da institución provincial un grande evento de apertura en formato gala-concerto. Ademais, tamén a vindeira semana se publicarán no BOPPO as bases para as rapazas interesadas en participar no programa de mentoría e acompañamento.

A gala de apertura de “Descúbreas” estará conducida por dúas das rapazas mentorizadas nas anteriores edicións: Xía Rodríguez e Alba Nogueira (A Riso), ambas as dúas tamén estudantes da ESAD de Vigo. Precisamente as mentorizadas serán as absolutas protagonistas do evento, porque amais de asumir o rol de presentadoras este evento suporá a primeira vez que as rapazas da 2ª edición do proxecto presentarán en vivo os seus temas (estarán presentes 5 das 8: Ane Swan, A Riso, Caro Lemos, María Gabeiras e Sara Casas).

Actuarán, ademais, cunha das grandes novidades deste ano: unha banda de apoio formada por músicas profesionais que acompañarán as mentorizadas nas súas actuacións. O mércores contarán co apoio de Ana Lucía, baixista de Agoraphobia; a guitarrista Laura Solla, a pianista Lidia Aldao e a batería Marina Acuña, pero a ‘backing band’ é un colectivo de maiores dimensións que está formado por numerosas artistas implicadas coa loita feminista e o proxecto de “Descúbreas” e actuarán segundo a súa dispoñibilidade.

Ademais, no transcurso da gala proxectaranse vídeos nos que se presentarán a evolución e fitos acadados nas dúas anteriores edicións do programa, as novidades deste ano, o lanzamento da 3ª convocatoria de mentorías, as actividades que se celebrarán ao longo deste ano, a banda de apoio e unha xornada de networking con profesionais do sector.

Unha 3ª edición chea de novidades

Alén da banda de apoio, “Descúbreas” vén cargada de máis novidades nesta 3ª edición. O programa organizará “Universo laboral”, unha xornada networking con empresas, profesionais e artistas do sector musical, e tamén se promocionará en feiras e foros a nivel estatal e internacional, creará vídeos-resumo en inglés para ampliar a súa proxección internacional e tamén incluirá un novo contido específico na súa newsletter e redes sociais: ‘Domingo con elas’. Trátase dunha nova sección que cada domingo ofrecerá información sobre un contido musical ou transversal de artes e disciplinas como a escrita, o cine ou a fotografía, para dar a coñecer documentais, libros ou exposicións relacionadas con mulleres da industria musical.

O programa de mentoría é un dos eixos centrais de “Descúbreas”. Este ano serán de novo outras 8 nenas e mozas da provincia quen poderán iniciar os seus pasos profesionais na música, da man de mulleres referentes do sector en Galicia. As bases publicaranse a vindeira semana no BOPPO e poderán solicitalas mulleres de entre 16 e 35 anos, ampliando a idade máxima de participación, que o ano pasado se establecía en 30 anos. Durante as sesións recibirán formación musical transversal, obradoiros e charlas impartidas por profesionais, e gravarán cadanseu tema e videoclip que tamén serán lanzados nas principais plataformas de streaming e venda en liña.

Nesta edición de “Descúbreas” tamén se seguirán gravando vídeo-entrevistas a artistas sobre a situación das mulleres na música, vídeo-titoriais, distribuirase a newsletter semanal, ampliarase o directorio de mulleres profesionais, realizarase un novo vídeo colaborativo coas escolas de música da provincia (coas que se seguirán tecendo redes activas para construír un grupo activo inmerso na cultura feminista), prestarase o servizo de consultoría en liña para dar resposta ás inquedanzas das estudantes de música e, ademais, redeseñaranse e actualizaranse todos os contidos da plataforma web, na que tamén se difunden as principais novas e eventos de música en feminino.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00