A Deputación publica un programa que recolle 375 celebracións de Entroido
Tamén inclúe un xogo dos Bolechas para os escolares da provincia

Presentación do Programa Provincial do Entroido 2023.- O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, presenta o Programa Provincial do Entroido 2023 acompañado polo alcalde de Toén, Ricardo González. Lugar: Centro de Interpretación do Entroido de Mugares (O Moreiro, Mugares -Toén). / Alberte Paz

O Centro de Interpretación do Entroido de Mugares, no Concello de Toén, acolleu onte a presentación do programa que vén de editar a Deputación de Ourense para reforzar a promoción dunha das festas “que nos convirte na provincia de España e un dos territorios de Europa con maior riqueza etnográfica”.
A Deputación editou un total de 20.000 exemplares do Programa provincial do Entroido 2023, no que se recompilan os 375 actos previstos en 65 localidades de 39 concellos, a celebrar durante os próximos 18 días, entre onte xoves, Día de Compadres, e o domingo 26, Día de Piñata. A publicación estase a distribuír en establecementos hostaleiros e oficinas de turismo de toda a provincia, así como nas principais cidades galegas, dentro dunha promoción completada cun spot sobre esta festa.
Para afondar na divulgación desta celebración, a Deputación tamén contará de novo, como fixo en 2021, coa colaboración dos Bolechas, que este ano achegarán a todos os colexios da provincia 2.000 exemplares dun xogo tipo “Trivial”, nos que os escolares terán que completar un percorrido contestando a preguntas que xiran en torno a tres eixos temáticos: xeografía e historia, costumes e cultura e traxes e máscaras.
Os Bolechas-Entroidos de Ourense inclúe máis de trinta festas de toda a provincia, desde as máis famosas -caso dos entroidos de Xinzo de Limia, Verín e Laza-, ata outros menos coñecidos pero tamén interesantes ao mesturar a tradición histórica coa singularidade propia. O obxectivo é dar a coñecer a enorme riqueza cultural en torno ao carnaval na provincia, mantendo vivo o espírito dunha desta celebración.