O Rosal pensa no Entroido
Aberta xa a inscrición para o concurso de carrozas, comparsas, entroido tradicional, grupos e disfraces individuais.
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/ZDU477WAQZHUJCHS27IQGPBH4Q.png?auth=7e6fb120ed2031ddc5a04db1c343a1a0146e989b390500ef817d3333a912c473&quality=70&width=650&height=650&smart=true)
Cartel del desfile de Entroido en O Rosal 2023
![Cartel del desfile de Entroido en O Rosal 2023](https://cadenaser.com/resizer/v2/ZDU477WAQZHUJCHS27IQGPBH4Q.png?auth=7e6fb120ed2031ddc5a04db1c343a1a0146e989b390500ef817d3333a912c473)
O Rosal
O Rosal quenta motores para desfrutar un ano máis do Entroido. O Concello vén de abrir o prazo de inscrición para participar un ano máis no concurso de carrozas, comparsas, grupos, disfraces individuais e entroido tradicional, que encherá de música, cor e mascaradas o desfile que se celebrará o domingo 19 de febreiro ás 11:00 horas na vila. O desfile percorrerá a rúa Xulio Sesto, dende a Rotonda da Feira e a rúa de Ramón Franco, ata o cruce coa Lomba. As persoas e asociacións interesadas en participar poderán inscribirse a través do Rexistro do Concello de forma presencial ou telemática ata o 8 de febreiro.
O concurso volverá contar cunha categoría coa que galardoar aos grupos que representen o entroido tradicional do Rosal. Por outro lado, tamén haberá premios para as carrozas formadas por un grupo mínimo de 6 persoas representando algún tema enriba dun elemento móbil; para as comparsas, que deberán contar cun mínimo de 10 persoas; para grupos, de entre 3 e 9 persoas; e para os disfraces individuais, que inclúe a parella para aqueles disfraces que requiran de participación conxunta, a modalidade infantil ata os 12 anos e a xuvenil-adulto a partir dos 13. En total repartiranse máis de 3.350 euros en premios entre os primeiros, segundos e terceiros postos de cada unha das categorías.
Xunto coa solicitude de inscrición deberase achegar ademais unha breve descrición dos disfraces que se presenten a concurso, xunto con fotocopia do DNI para as persoas participantes, con autorización do ou da representante legal en caso de menores de idade, ou coa CIF e DNI da persoas representante en caso de ser asociacións. As persoas que non se inscriban poderán participar no desfile, aínda que sen opción a premio.