O concello de Nigrán edita un almanaque onde as mulleres do municipio son as protagonistas
O obxectivo é visibilizar o papel da muller no desenvolvemento económico, cultural e social do municipio

A baloncestista de cadeira de rodas Uxía Chamorro pon a imaxe ao mes de setembro.

Vigo
O Concello de Nigrán ven de editar 1000 almanaques de mesa cunha ducia de mulleres do municipio como as grandes protagonistas de cada mes. O obxectivo é visibilizar entre toda a veciñanza o papel da muller no desenvolvemento económico, cultural e social da localidade e contribuír desde a administración local a rachar coa fenda de xénero e os seus estereotipos.
Estes serán entregados a través da Oficina de Información Cidadá (planta baixa da Casa Consistorial) de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas ata esgotarse os exemplares.
As 12 mulleres posaron ante a cámara da fotógrafa nigranesa Bárbara Ceballos para ilustrar cada mes e o resultado está a vista no almanaque. Así, xaneiro abre con Natalia Rodíguez de o refuxio de animais coñecido como Illa de Thali ; febreiro coa veciña de Camos Lucía Méndez, directora dun Centro de Día na comarca; marzo con Consuelo e Vanesa Soto, propietaria do establecemento Uvas de Nigrán; abril coa brigadista forestal Noemi Rodríguez; maio con Lorena Vilán, responsable de Prado Surf; xuño coa taxista Ángeles Hurtado; xullo coa piloto de Rally Adriana Álvarez; agosto coa tradutora audiovisual e cantautora Lucía Doval; setembro coa baloncestista de cadeira de rodas Uxía Chamorro; outubro con Raquel Gómez e Diana Muñoz da cooperativa Somos Terra; novembro coa restauradora de Parada Celia Casás e o seu equipo (Eva Costas e Alejandra Casás) e decembro coa pintora Lourdes Alonso.