Hora 14 VigoHora 14 Vigo
Política | Actualidad
Deputación de Pontevedra

A Deputación presenta o orzamento de 2023

O goberno aumenta o orzamento nun 6,5% e porá a disposición da provincia 187,35 millóns de euros ao sumar os máis de 5 millóns dos remanentes deste ano

Rafa Estevez

Vigo

A Deputación de Pontevedra aprobará no pleno extraordinario do próximo día 21 o orzamento de 2023 que aumenta nun 6,55% con respecto a 2022 e que supón poñer a disposición da provincia un total de 187,35 millóns de euros ao sumar aos 181,63 millóns do presuposto os 5,72 millóns de remanentes deste ano. Trátase do orzamento máis ambicioso de toda a historia da institución co obxectivo de acometer unha potente inxección económica no territorio para enfrontar a crise, “un orzamento, en palabras da presidenta Carmela Silva, pensado, elaborado e moi traballado para dar respostas aos concellos e á cidadanía nun contexto tan complexo como o que nos atopamos”.

Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, definiu as contas como "ambiciosas, expansivas e prudentes”, e subliñou que o capítulo que máis medra é o dos investimentos, (de 12 a 17 millóns de euros -un 33,11%-)  e que, como nos anos anteriores, segue sen haber fondos de libre disposición para a presidenta e máis el.

O orzamento de 2023 é claramente progresista e, como dixo Carmela Silva, “dá resposta a promover e garantir dereitos e servizos vivas onde vivas, un orzamento que se asenta na Axenda 2030, na Axenda Urbana e na dinamización económica, cultural e social da provincia”. Conta cun Plan Concellos que aumenta ata os 44 millóns de euros en transferencias directas, amais doutras accións, que suman 24,85 millóns, que revalidan á Deputación como a institución provincial que máis recursos transfire ao territorio: “un 33,7% cando a media do Estado está no 17% e en Ourense non chega ao 0,5%”. O orzamento presenta unha poderosa aposta polas políticas sociais “porque este é o momento de estar coa xente e as persoas teñen que estar no centro”, sube ata os 19 millóns de euros, un 4% máis que no 2022. Tamén revalida a súa aposta pola recuperación sostible e está envorcado á consecución dos fondos europeos. De feito, co traballo realizado, no 2023 se espera conseguir de Europa o equivalente a un orzamento adicional para a provincia.

Carmela Silva sinalou que “é un gran orzamento, o máis grande da historia, ao que aínda imos sumar moitos recursos da Unión Europea e que ten no corazón á provincia, o seu desenvolvemento, cun modelo claro de progreso ideado para garantir a súa transformación, modernizar todas as súas estruturas e mellorar a vida das veciñas e veciños”. A presidenta provincial subliñou que “é o octavo orzamento do goberno, en tempo e forma, que cada ano levamos antes ao pleno seguindo o modelo claro que temos para a provincia, baseado no respecto absoluto dos dous grupos de goberno e tamén en que estamos abertas e abertos a escoitar as boas ideas para poñer en marcha e mellorar a vida da xente, dinamizando esta provincia e transformándoa a través de proxectos con visión global”. Carmela Silva detallou todas as “potentísimas” cifras e incrementos por áreas de goberno do orzamento e subliñou os recursos destinados aos concellos, con 327 millóns dende o 2016, recordando que “a Xunta dedica cada ano 112 millóns de euros aos concellos de toda Galicia, polo que o esforzo que temos feito é incrible, é extraordinario, nin o soñaban os concellos no 2015”.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00