Teresa Ribera visitou o edificio Impulso Verde de Lugo
A Ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico falou desta creación como "exemplo de resposta local se pode dar aos retos que presenta a emerxencia climática”

Teresa RIbera visita el edificio Impulso Verde junto a la alcaldesa Lara Méndez

Lugo
A Ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico visitou en Lugo o edificio Impulso Verde, que culificou coma “un exemplo da resposta que dende as Administracións locais se pode dar aos retos que presenta a emerxencia climática”. Na visita fixo de guía a alcaldesa lucense Lara Méndez, quen destacou esta construcción coma un “símbolo referente e pioneiro da segunda gran transformación da cidade, tanto dende o punto de vista ambiental como económico, por ser a nosa provincia a principal produtora forestal de toda a comunidade”.
A Vicepresidenta Terceira do Goberno fixo fincapé no feito de que Lugo está sendo o motor dun cambio de paradigma en Galicia, e “o feito que desde o Concello, en colaboración coa Deputación Provincial e a Universidade, fomenten a creación de novos barrios moito máis saudables para as persoas pero tamén motivadores e facilitadores de emprego, é unha excelente noticia”.
A alcaldesa lucense destacou moi positivamente a senda establecida polo Ministerio que dirixe Ribera, para apoiar e favorecer, a través da achega de Fondos Europeos, iniciativas como as lucenses encamiñadas ao coidado do medio ambiente e ao fomento da economía verde e circular, destacando que “levamos máis de seis anos defendendo a necesidade de transformar Lugo para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, mediante a execución de proxectos nos que empregamos a madeira como principal elemento estrutural, na mesma liña do Impulso Verde”.
A rexedora explicou que este tipo de construccións en madeira permiten “emitir un 90% menos de CO2 á atmosfera que os edificios de formigón e aceiro e absorberá 280 toneladas de emisións, o que significa que está axudando xa, nunha alta porcentaxe, a reducir o efecto invernadoiro”. Antes de rematar o percorrido a través do Impulso Verde, Méndez explicou polo miúdo as estratexias e proxectos para o municipio aliñados cos obxectivos fixados pola Axenda europea e española, que son clave para poder optar con máis forza aos fondos europeos e a “folla de ruta para avanzar no modelo de cidade integrador, resiliente e confortable que buscamos”, concluíu a alcaldesa.
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo