O Concello anima ás mulleres de Redondela a participar no programa Galegas Dixitais
A iniciativa, organizada por beProject e Ara Formación e financiada polos fondos NexGenerationEU, conta coa colaboración do Concello de Redondela e é totalmente gratuíta


Vigo
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas animou hoxe ás mulleres do municipio a inscribirse no programa Galegas Dixitais, programa de formación para a dixitalización de mulleres “que busca que as participantes acaden coñecementos que lles permitan utilizar toda a potencialidade que ofrece internet”.
Galegas Dixitais impartira tres módulos de 40 horas cada un, nos que as participantes poderán aprender Competencias dixitais básicas, de cara a adquirir coñecementos útiles para o día a día; Competencias dixitais avanzadas, dirixido aos coñecementos aplicables ao traballo e, finalmente, Competencias dixitais para o emprendemento, no que adquirirán as habilidades dixitais precisas orientadas ao negocio.
“Nun mundo cada día máis dixitalizado e global, as mulleres deben contar coas ferramentas precisas que lles permitan manexarse con soltura tanto nas actividades cotiás como naquelas relacionadas co traballo, mellorando deste xeito a súa capacidade de competir no mercado laboral”, di a alcaldesa Digna Rivas.
O curso ten carácter totalmente gratuíto e as mulleres participantes recibirán de agasallo un ordenador portátil ademais dun título oficial acreditativo. As clases darán comezo o 29 de setembro para rematar o 9 de novembro e impartiranse en horario de mañá (09 h a 14 horas) ou tarde (16 h a 21 horas).
A actividade está organizada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a través das empresas beProject e Ara formación, e conta co financiamento dos fondos europeos NextGenerationEU e a colaboración do Concello de Redondela.Para máis información, as interesadas poden dirixirse ao teléfono 986 400 300 ou no WhatsApp 604 039 575. A inscrición pode realizarse a través da plataforma galegasdixitais.es