A Real Academia Galega constata un aumento de 3 puntos do uso do galego entre nenos de 5 a 14 anos
Por primeira vez desde que hai rexistros do INE, en 1992, fréase a caída no uso da lingua que utiliza de forma habitual só o 54,8 % da poboación
A Coruña
Estamos no mes das letras galegas con novos datos do seminario de sociolingüística da Real Academia sobre o uso da lingua propia de Galicia. Tras os últimos datos oficiais, que datan de 2013-2016 e falaban dun afundimento do galego como lingua viva, está a detectarse un estancamento da caída libre e, mesmo, un incremento do uso entre os máis novos. Os estudos lingüísticos requiren, segundo a Academia, unha perspectiva de cinco anos para detectar tendencias. Os datos de 2018, que se están estudando e, en breve, faranse públicos, falan de certo crecemento por primeira vez desde 1992, primeiro ano do que hai rexistros. Só algo máis da metade da poboación ten o galego como lingua habitual.
Más información
A caída era tan acusada que os datos de uso seguen sendo preocupantes, segundo a Real Academia Galega. Con todo, o seminario analizou os últimos rexistros do Instituto Galego de Estatística (IGE) que sinala que o galego experimentou un incremento de tres puntos como lingua habitual de nenos de cinco a catorce de 2013 a 2018. Neste grupo de idade o uso do galego como lingua habitual pasou do 23,1 por cento ao 26,2.
O aumento detéctase tamén levemente no conxunto da poboación. En 2013 o galego era lingua habitual do 54,6 dos cidadáns que viven en Galicia. En 2018 era do 54,8. Detéctase un 0,2 de aumento, dúas décimas de incremento cando todos os indicadores anteriores desde 1992, falaban de caída.
Henrique Monteagudo, responsable do Seminario de sociolingüística da RAG, subliña que desde o mapa do 1992 hai unha serie histórica de 30 anos de evolución da lingua. Detectouse unha caída constante do uso e a transmisión da lingua que se acompañou, con todo, dun aumento das competencias lingüísticas sobre todo en lectura e escritura. A caída dábase nas xeracións máis novas porque se acompañaba de caída na transmisión. Quizais, di Monteagudo, está a romperse o círculo vicioso.