O Porriño compra parcelas no Paseo do Louro

Firma compra parcelas Louro / Concello de O Porriño

Vigo
A Concellería de Urbanismo e Patrimonio, dirixida polo nacionalista Pedro Pereira, informa da sinatura en notaría das escrituras de compra de varias parcelas situadas na contorna do río Louro. Até o momento formalizouse o pago de fincas que suman unha superficie de 8.105.80 m2. Esta semana asinaranse novas escrituras coas que xa hai acordo de compra. En total a nova zona verde para uso público sumará un total de 20.285´55 m2. O importe da compra ascende a 364.131´01 €
Pedro Pereira, actual alcalde en funcións, agradeceu en nome do Concello do Porriño a boa predisposición das anteriores propietarias que desde o primeiro momento ao ser contactadas mostraron a súa colaboración para que o Concello conte con este espazo de desfrute para veciños e veciñas do Porriño.
"Hai que apostar por abrir o entorno do río ás persoas. A contorna do Louro é o pulmón verde que o centro urbano precisa e esta compra é un primeiro paso necesario para transformar este espazo", apuntou Pedro Pereira.
O alcalde en funcións afirmou que a recuperación integral do lugar non será completa “mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual e o tren siga a cruzar polo medio a vila do Porriño. O concelleiro de Infraestruturas chamou a “traballar desde a institución municipal para acadar un soterramento ambicioso da vía e negociar un traslado do matadoiro, dous obxectivos cruciais para o futuro do Porriño" concluíu.