O museo Marco acolle o novo espectáculo de Rompente
A proposta dos Rompente mestura poesía, vídeo e son

Rompente / MARCO

Vigo
O novo espectáculo de Rompente. Grupo de Comunicación Poética, integrado por Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manuel M. Romón, chega o domingo 14 de novembro a Vigo (Museo Marco. 13.00 horas). A obra, titulada ‘Algo que levar á boca’, xira por oito cidades de toda Galicia. 40 anos despois e cunha proposta interdisciplinar na que se mestura poesía con proxeccións audiovisuais, os tres activistas de cultura galega ofrecerán un recital de máis dunha hora de intensa palabra poética articulada con accións escénicas, xestuais e construíndo unha polifonía de voces na máis pura esencia do histórico e vangardista Rompente.
O espectáculo inclúe a meirande parte dos textos do seu último libro, Que hostia din os rumorosos? (Editorial Elvira, 2021). Trátase dun volume de poesía ilustrado por Menchu Lamas e Antón Patiño, con poemas inéditos, na súa maioría, e estruturado en catro partes: “Derrotas” (Manuel M. Romón), “Carallo29!” (Alberto Avendaño), “Room Service” (Antón Reixa) y “Rompentres” (textos conxuntos dos tres).
Coa colaboración da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22, o espectáculo pasou xa por Pontevedra, A Guarda, Lugo, A Coruña e Vilagarcía e chegará nas próximas semanas a A Estrada (18 de novembro. Teatro Principal. 20.30 horas) e Ferrol (25 de novembro. Teatro Jofre. 20.30 horas). No caso de Vigo, o acceso é gratuíto e libre ata completar aforo. Todos os espacios respetarán o protocolo Covid-19 vixente no momento da actuación.
“Comezamos en 1976 e estivemos facendo cousas ata 1983. Cando o deixamos, refuxiámonos noutras actividades. Aquela época, que coincidía cos primeiros tempos da autonomía, en Galicia predominaba unha especie lirismo veneciano. Co paso dos anos, deu a volta. A poesía galega actual ten moitas cousas coas que nos sentimos identificados. É un momento idóneo para volver a xuntarse e seguir experimentando”, afirma Antón Reixa.