As xornadas semFYC de Medicina Rural terán lugar en Ourense
O 5 e 6 de novembro haberá distintas conferencias e obradoiros no Marcos Valcárcel

Presentación de las V Jornadas semFYC de Medicina Rural / Radio Ourense

Ourense
No eido da medicina, os contextos tamén son importantes. Sobre esta realidade saben moito as persoas que exercen a medicina no rural. As Jornadas semFYC de Medicina Rural terán lugar en Ourense o 5 e 6 de novembro. Será no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Na presentación destas xornadas, o vicepresidente da deputación, Rosendo Fernández, contaba unha anécdota da súa experiencia como médico no rural. A conclusión é que a dispersión territorial e a dificultade nas comunicacións forman parte de Ourense. Unha provincia que, segundo explicou Fernández, “ten 92 concellos, 91 con menos de 20.000 habitantes",
En días nos que se está a falar tanto da Galicia profunda, a directora de procesos asistenciais da Área Sanitaria, Mar Vázquez, analizaba o contexto no que traballan as e os profesionais no rural “hai moitos centros de saúde unitarios, onde o número de profesionais moitas veces é un único facultativo e unha única enfermera”.
O obxectivo destas xornadas é que o persoal médico do rural comparta e adquira novos coñecementos. Trini Gamarra, médica de familia comunitaria, detallaba a temática dalgunha das comunicacións. Entre elas “asistencia integral ás persoas maiores, urxencias, de distintas técnicas, actividades comunitarias, de docencia”.
“Retomando el camino” é o lema escollido para estas xornadas. Un camiño do que se dará conta no Centro Cultural Marcos Valcárcel.