'Ágora', de novo exemplo de modelo de recuperación do espazo público no 'VI Encontro de Cidades'
O proxecto provincial, considerado "unha boa práctica" de seguranza viaria e mobilidade sustentable, será exposto polo deputado Uxío Benítez
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/B7QZ2W6YXFKPPD76N3LW76BDYE.jpg?auth=undefined&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
Seminario Ágora / Ágora
![Seminario Ágora](https://cadenaser.com/resizer/v2/B7QZ2W6YXFKPPD76N3LW76BDYE.jpg?auth=undefined)
Vigo
‘Ágora’, o proxecto do departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra co obxectivo de recuperar espazo público para as persoas, segue a espertar interese nos principais foros de debate sobre deseño urbano e será de novo exemplo para outras cidades e vilas estatais. Tras o seu paso esta semana por Sevilla, Barcelona e A Coruña, será tamén protagonista no ‘VI Encontro de Cidades para a seguridade viaria e a mobilidade sustentable. Cidades 2030’ que se celebrará os días 21 e 22 de outubro en Zaragoza por ser considerada “unha boa práctica e experiencia de mobilidade sostible”.
O deputado Uxío Benítez, participará no congreso xunto ao presidente da Comisión da FEMP de Mobilidade Sustentable, Alfonso Gil Invernón, e representantes dos concellos de Santander e Xixón, nunha mesa que abordará ‘O reto da comunicación na nova mobilidade urbana’. Esta sesión completarase con outras de grande interese que tratarán temas como a velocidade 30, a distribución urbana de mercadorías, as zonas de baixas emisións , os comportamentos de risco, ou a seguranza das persoas vulnerables, para finalizar coa lectura da ‘Declaración do VI Encontro de Cidades’, na que se recollerán todas as conclusións.
Baixo o lema ‘Cidades 2030’, o encontro vén de ser organizado pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), o Concello de Zaragoza e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Supón unha oportunidade para que as cidades españolas coñezan, promovan, divulguen e compartan estratexias co obxectivo de reducir á metade o número de persoas falecidas e feridas graves en 2030.
O encontro supón tamén a oportunidade de afondar nas interrelacións entre os diferentes dominios afectados polas políticas municipais de mobilidade: seguridade viaria, sustentabilidade ambiental, conectividade, habitabilidade e saúde pública. Esta transversalidade das políticas de mobilidade será analizada no marco proporcionado pola Axenda 2030 e os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.