A Xunta anuncia importantes melloras nas urxencias do hospital de Cee
O conselleiro anunciou tamén que porá en marcha neste mes, no Servizo de Oftalmoloxía, as consultas de retina médica
O conselleiro de sanidade visitou o hospital comarcal en Cee onde anunciou que nos próximos días vaise publicar a licitación do proxecto de reforma da área de urxencias cun investimento estimado de 400.000€.
Tal e como detallou o conselleiro, as novas urxencias contarán cun circuíto específico permanente e independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias, incorporando un novo control de enfermería para ese dobre circuíto.
Aos actuais sete boxes de observación e ao único existente para pacientes illados sumaranse outros 5 boxes, todos eles preparados para pacientes illados. Incorporarase unha nova sala de traballo médico e outra de traballo de enfermería.
O conselleiro anunciou tamén que porá en marcha neste mes, no Servizo de Oftalmoloxía, as consultas de retina médica e os tratamentos intravitreos que afectan á retina. Estará dispoñible todos os martes e os xoves en horario de tarde.
Deste xeito “o Hospital de Cee terá unha unidade de retina que ofrecerá as ferramentas e tratamentos máis avanzados para atender patoloxías como a dexeneración macular asociada á idade; as oclusións venosas na retina ou os edemas musculares diabéticos”.