Sociedad | Actualidad
Diputación Provincial Pontevedra

O modelo Ágora de Mobilidade, protagonista esta semana en tres congresos en Barcelona, Sevilla e A Coruña

O departamento provincial estará tamén no CICLOBCN21 para afondar na aposta pola ciclabilidade da provincia

Modelo Ágora / Deputación Pontevedra

Modelo Ágora

Vigo

O departamento de Mobilidade e Espazo Público da Deputación de Pontevedra , co seu proxecto ‘Ágora’ como bandeira, será esta semana protagonista en tres congresos estatais en Barcelona, Sevilla e A Coruña centrados na mobilidade ciclable, nos modelos de cidades e na camiñabilidade como eixo para recuperar as vilas para as persoas.

O primeiro desprazamento para falar de Ágora e defender a filosofía do “espazo público como un dereito fundamental” será a Sevilla, ao ‘I Foro Urbano’ de España. Alí, ademais de participar mañá martes a presidenta Carmela Silva na mesa ‘Transición ecolóxica e modelo de cidade’, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez estará o mércores na sesión organizada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana centrada na Nova Bauhaus europea, un movemento impulsado pola Comisión Europea para construír espazos de vida sustentables e accesibles.

O convite específico ao responsable provincial de Mobilidade xorde por considerar que a Rede Ágora “é un proxecto que pode servir de revulsivo para contaxiar outras provincias”.

Xa o venres, Benítez estará no Encontro xeral da Rede de Cidades que Camiñan en Carballo (A Coruña), onde se reunirán representantes políticas  e técnicas de todo o territorio estatal para poñer en valor a camiñabilidade como eixo central á hora de mellorar a calidade de vida de vilas e cidades. A intervención de Benítez, centrada nas actuacións no territorio disperso da provincia de Pontevedra, irá acompañada dos relatorios das cidades de A Coruña, Getafe (integración da bicicleta e os vehículos de mobilidade persoal), Pamplona (que falará sobre o traballo nos pasos de peóns), Pontevedra (ordenanza de mobilidade amable), Logroño (urbanismo táctico), ou San Cristóbal de La Laguna (sobre a revitalización do centro histórico).

Por último, o ‘Modelo Ágora’ está tamén en Barcelona o vindeiro xoves. Nesta ocasión un dos técnicos da equipa Ágora intervirá no CICLOBCN21, que agrupa tres congresos sobre mobilidade ciclista, entre eles o ‘7º Congrés Internacional da Bicicleta’ e o ‘Congreso Ibérico A bicicleta e a cidade’.

A Deputación de Pontevedra explicará alí, ademais dos principios Ágora que serven de base para as súas actuacións, o traballo realizado na provincia para a promoción da bicicleta como medio de transporte natural, poñendo de relevancia o seu protagonismo nos proxectos provinciais e o compromiso da institución ante a cidadanía para fomentar o seu uso.

No CICLOBCN o representante do departamento de Mobilidade pontevedrés compartirá sesións coa Generalitat de Catalunya, o Concello de Barcelona, o departamento de Planeamento da Mobilidade de Bogotá (Colombia), o área de Deportes e Turismo de Roma (Italia) ou o servizo de Mobilidade Urbana da metrópole de Lyon (Francia).

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00