'O hábitat xogable' nas cidades, tema central do vindiero seminario da facultade Ágora
Debaterase como o xogo libre da infancia no espazo público é un indicador de calidade para vilas e cidades
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/JZNCUDPIENPPFIIDYDN6TPQYBU.jpg?auth=undefined&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
Hábitat Xogable / Deputación Pontevedra
![Hábitat Xogable](https://cadenaser.com/resizer/v2/JZNCUDPIENPPFIIDYDN6TPQYBU.jpg?auth=undefined)
Vigo
O papel da infancia no espazo público e a importancia de considerar o xogo libre como indicador de calidade en vilas e cidades serán dous aspectos que se abordarán este venres nun novo seminario da Facultade Ágora titulado ‘O hábitat xogable’. De maneira mixta, presencial e en liña, representantes políticos e técnicos da provincia escoitarán os relatorios do pedagogo Francesco Tonucci, a xeógrafa Marta Román, o pediatra Juan Gil, a antropóloga María Masaguer e o arquitecto Martín Barreiro.
Con esta nova xornada da Facultade Ágora continuarase o módulo ‘O medio habitable’ que hai dúas semanas tivo como protagonistas a especialistas sobre o medio urbano e a saúde da poboación, entre eles a directora de Saúde Pública da OMS María Neira, quen subliñou como deseños urbanos que fomentan a mobilidade natural e restrinxen os desprazamentos a motor inciden positivamente na vida da veciñanza.
Este venres darase un paso máis para falar da necesidade de converter as cidades en hábitats axeitados para o desenvolvemento das persoas, fundamentalmente dende o punto de vista social e en concreto dende a perspectiva da infancia. Un dos temas que se porá sobre a mesa será como a recuperación do espazo en contornas escolares é precisa para que nenos e nenas poidan desenvolverse con autonomía, mais só como un primeiro paso, sendo o obxectivo final que vilas e cidades estean adaptadas na súa globalidade, superando os corredores ou camiños escolares.
Entre o plantel do profesorado estará en conexión en liña o pensador, psicopedagogo e debuxante italiano xa ben coñecido na cidade de Pontevedra, Francesco Tonucci, que é investigador asociado do Instituto de Ciencias e Tecnoloxías da Cognición do Consello Nacional de Investigación (CNR) de Italia e responsable do proxecto internacional ‘A cidade das nenas e dos nenos’.