A Deputación e CIMA situan ás mulleres do audiovisual galego no seu merecido primeiro plano
A gala do cinema feminino, celebrada ao máis puro estilo cinematográfico, reuniu no Auditorio Centro Social Afundación de Vigo a máis de 150 persoas
Vigo
Nunha gran gala ao máis puro estilo cinematográfico, con photocall e alfombra violeta, a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) situaron onte ás mulleres do audiovisual galego no seu merecido primeiro plano coa entrega dos I Premios “Mulleres no Foco”, que naceron para poñer en valor o traballo feminino no sector que aínda permanece invisibilizado.
O Auditorio Centro Social Afundación de Vigo foi o máxico escenario deste evento cheo de cine, música e sorpresas, no que Margarita Ledo, Sonia Méndez Alonso e Noemí Chantada convertéronse nas tres primeiras galardoadas por un xurado profesional de entre un total de 14 profesionais nomeadas. A cerimonia, que encheu o aforo con máis de 150 persoas en directo e que foi retransmitida por streaming, estivo conducida polas actrices Neves Rodríguez, Mela Casal e Sheyla Fariña e amenizada coa actuación musical de Guadi Galego.
Nun patio de butacas maioritariamente feminino, a cultura galega foi a gran representada na estrea destes primeiros premios, con persoas dos distintos sectores como festivais cinematográficos, colectivos do audiovisual, a xestión cultural ou cineclubs galegos. Amais, o evento contou con representantes de colectivos que traballan a prol da igualdade, do sector empresarial e social, e cunha nutrida presencia de alcaldesas e alcaldes da provincia, deputadas e deputados provinciais, así como do Parlamento galego e do Congreso ou dirixentes dos Consulados estranxeiros en Vigo.
Margarita Ledo, Sonia Méndez e Noemí Chantada recibiron de mans de Carmela Silva, a actriz Uxía Blanco e a produtora Chelo Loureiro, respectivamente, o premio “Mulleres no foco”.