A Deputación subvenciona a tres colectivos vigueses para rehabilitar embarcacións tradicionais
A deputada de Patrimonio María Ortega insta a máis entidades a aproveitar as axudas provinciais para poñer en valor o patrimonio marítimo que "é de todas e todos nós"
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/DI7SU7GLNNNY5B42FMLJ3MPXXE.jpg?auth=undefined&quality=70&width=650&height=365&smart=true)
Embarcación tradicional / Deputación Pontevedra
![Embarcación tradicional](https://cadenaser.com/resizer/v2/DI7SU7GLNNNY5B42FMLJ3MPXXE.jpg?auth=undefined)
Vigo
A Deputación vén de conceder tres subvencións para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial da provincia a outros tantos colectivos vigueses co fin de rehabilitar varias embarcacións tradicionais: unha tipo traiñeira e dúas gamelas. Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega as axudas pertencen á liña para a Recuperación e posta en Valor do Patrimonio Marítimo Fluvial da provincia, que se aprobarán este venres en Xunta de Goberno coa a intención de fomentar o coidado de bens de interese relacionados co mar e os ríos na provincia.
A deputada responsable da área amosouse satisfeita da evolución do apoio provincial ao Patrimonio marítimo fluvial, que no 2020 -o primeiro exercicio das axudas- chegara a 14 colectivos e repartira algo máis de 100.000 euros. A nacionalista animou ás entidades a solicitar nos vindeiros anos o apoio da Deputación xa que as subvencións, dixo, foron “concibidas para mellorar o estado de conservación do noso patrimonio e aliviar as cargas económicas das asociacións quen, con moito voluntarismo, asumen moitos gastos para poder conservar e poñer en valor aquilo que, por ter gran valor patrimonial, é de todas e todos nós”.
No caso de Vigo recibirán axudas a Asociación de Gameleiros Asodiña para a recuperación dunha gamela guardesa a vela (677 euros); a Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas (12.810,51 euros) para a rehabilitación da embarcación tradicional tipo traiñeira ‘Vigo Cinco’; e o Centro Recreativo, Artístico e Cultural de Coruxo para a reparación e rehabilitación da gamela coruxeira A Buxaina (4.568,96 euros) .