Redondela homenaxea esta fin de semana ás 'Mulleres da Illa de San Simón'
As circunstancias da pandemia obrigaron a limitar a 200 persoas o número de participantes

'Mulleres da Illa de San Simón' / Concello Redondela

Vigo
O Concello de Redondela ten programados, para esta fin de semana, distintas actividades na liña de seguir homenaxeando e poñen do en valor “a solidariedade, humanidade e heroísmo, das mulleres que foron un raio de esperanza para os presos políticos que esperaban un futuro máis que incerto na Illa de San Simón e no barco prisión Upo Mendi”.
O venres 16 de xullo, trasládase a Cesantes a mostra fotográfica 'As mulleres da illa de San Simón. A solidariedade é feminina' que ata o de agora estivo exposta na Alameda Castelao. Aproveitando o seu traslado ata Cesantes, ás 12 horas celebrarse o acto inaugural da mostra, inicialmente previsto para o 16 de abril –data na que se instalou a exposición na Alameda Castelao– pero que tivo que ser adiado por mor do mal tempo.
Nesta inauguración aprazada contarase coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e representantes do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, que colaborou na identificación das mulleres de Cesantes que axudaron aos presos. Precisamente este traballo do Obradoiro Fernando Monroy foi fundamental á hora de que a exposición, unha vez instalada en Cesantes, conte con 9 novas fotografías doutras tantas mulleres da parroquia que formaron parte desa rede solidaria das Mulleres da Illa.
Doutra banda, o sábado 17 de xullo o Concello de Redondela organiza a homenaxe institucional ás mulleres da illa de San Simón. O acto desenvolverase pola tarde na propia illa e no transcurso do mesmo intervirá Cecilia Orge para glosar e falar da historia das mulleres solidarias de San Simón; a presidenta da Deputación, Carmela Silva e a alcaldesa Digna Rivas. Ademais a música estará a cargo de Antía Muíño.
As circunstancias da pandemia obrigaron a limitar a 200 persoas o número de participantes. Desta maneira poderán acudir apenas dúas persoas por familia, representantes dos colectivos que colaboraron na homenaxe e representantes de distintas institucións. O Concello de Redondela tamén convidou aos alcaldes e alcaldesas dos concellos limítrofes da Ría de Vigo, á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia.