Cribados para frear unha curva que non para de medrar
O Sergas convoca probas masivas entre a xente nova en Carballo e A Laracha

Unha proba de coronavirus / Rosa Veiga (EUROPA PRESS)

Os malos datos que se están a rexistrar na comarca de Bergantiños levaron á xerencia da área sanitaria A Coruña-Cee a realizar sendos cribados poboacionais en Carballo a A Laracha. Ambos concellos están experimentando un aumento considerable dos positivos nas últimas datas, provocando esta actividade de detección entre a poboación máis nova.
En Carballo o cribado vaise realizar mañá mércores de 9 a 14 horas e de 15 a 18h da tarde e afecta a máis de 3100 veciños entre os 18 e os 30 anos. Terá lugar no centro de saúde carballés, realizarase mediante test PCR e a cita enviarase aos interesados por SMS. Dende o gobernó local solicitan a participación de toda a poboación para deter unha curva que semella disparada nos últimos días. Carballo tiña onte 50 casos activos, 35 más respecto ao luns pasado.
Na Laracha a situación tamén se complicou con 23 novos positivos nos últimos sete días, situándose en 33 casos activos no día de onte. Alí o Sergas tamén optou por relaizar un cribado que está tendo lugar ao longo do día de hoxe e tamén dirixido á poboación comprendida entre os 18 e os 30 anos. En concreto son 926 veciños os que están convocados para pasar polo centro de saúde durante esta xornada.