Afundación trae á Coruña ' As miradas de Isaac'
Supón un percorrido pola súa vida e a súa obra e as súas achegas á historia de Galicia

Mural homenaje a Isaac Díaz Pardo inaugurado en Sada / Concello de Sada

A Coruña
'As miradas de Isaac', a primeira gran exposición sobre Díaz Pardo despois do seu falecemento en 2012, pódese ver desde hoxe na sala de exposicións de Afundación no Cantón. Comisariada polos seus dous fillos, Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro supón un percorrido pola súa vida e a súa obra e as súas achegas á historia de Galicia, Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.
A mostra conta con máis de 500 obras de arte, cerámicas, fotografías, publicacións, murais, audiovisuais e obxectos persoais e inaugurouse o ano pasado na Cidade da Cultura. Está composta por dez secciones, a primeira sobre o seu pai –Camilo Díaz Baliño– e a súa influencia en Isaac; a infancia e mocidade e a súa implicación na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936; a faceta de pintor; o seu contacto co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; as iniciativas emprendedoras empresariais; as iniciativas culturais e investigadoras; o deseñador industrial; o editor; e finalmente o recuperador –con Luís Seoane– da vangarda artística anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.
A exposición permite realizar un percorrido ao redor da vida dun dos personaxes máis importantes da Galicia contemporánea que contribuíu a recuperar a súa historia e ao avance desde o orgullo e o coñecemento de si mesma.