Falece unha das feridas no accidente de Malpica
Perdeu a vida mentres era trasladada en helicóptero. Nai de dous menores, rexentaba un bazar na Camuza
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/XAZKZWA4BZLJ3IE7EPM7MUADSU.jpg?auth=012eda10b3cb21570b2a266ce7eef55e848ef25f5f82771997630f221ce87877&quality=70&width=650&height=271&smart=true)
Ambulancia del 061 / Sergas (Archivo)
![Ambulancia del 061](https://cadenaser.com/resizer/v2/XAZKZWA4BZLJ3IE7EPM7MUADSU.jpg?auth=012eda10b3cb21570b2a266ce7eef55e848ef25f5f82771997630f221ce87877)
A veciñanza de Malpica está consternada. Unha das feridas no accidente de tráfico de onte faleceu durante o seu traslado a un centro hospitalario coruñés. Trátase dunha muller de 44 anos, condutora dun dos vehículos. O seu pasamento causou fondo pesar no concello malpicán ao tratarse dunha persoa moi coñecida debido ao seu traballo de atención ao público no Bazar Anna de A Camuza. A falecida deixa dous fillos de curta idade.
O 061 recibiu sobre as 18.45 o aviso dunha colisión entre dous coches. Tres persoas resultaran feridas de diversa consideración logo da colisión de dous vehículos na AC-414, ao seu paso polo concello de Malpica. Os afectados eran dous mozos, varón e muller de 21 e 20 anos respectivamente, e a muller que finalmente falecería de 44 anos. O impacto tivo lugar moi cerca do lugar onde ten a súa base a agrupación local de Protección Civil.
As primeiras hipóteses falan dunha colisión frontal entre dous coches, acabando un deles volcado fóra da calzada. O accidente deixou a tres persoas feridas, unha delas de carácter moi grave, o que obrigou a mobilizar ao helicóptero do 061. A ferida xa non chegou a ingresar no centro hospitalario, perdendo a vida durante o traslado. Os dous mozos afectados tamén precisaron ser evacuados ao CHUAC en dúas das tres ambulancias enviadas polos servizos de asistencia.