O Porriño abre a fase informativa do proxecto internacional de empoderamento contra o cambio climático
Este programa está xestionado directamente pola Comisión Europea e conta cun orzamento total de 150.000 euros

Imaxe da reunión. / Concello de O Porriño

Vigo
O Concello do Porriño iniciou a fase informativa do proxecto internacional de empoderamento da mocidade contra o cambio climático cunha primeira reunión con diversas asociacións para explicarlles a iniciativa, impulsada ao abeiro do Programa de Desenvolvemento das Capacidades da Mocedade, xestionado directamente pola Comisión Europea e cun orzamento total de 150.000 euros.
O proxecto internacional liderado polo Concello de Porriño “inclúe accións de capacitación con cursos, seminarios e campamentos formativos, e accións de mobilidade coa organización de eventos no Porriño e nos países participantes que son Portugal, Cabo Verde e Mozambique”, segundo explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación e Fondos Europeos.
Moure presidiu esta primeira reunión de traballo convocada a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e coa colaboración do profesor Amador Ordóñez, director do proxecto. Asistiron representantes das asociacións: Amas de Casa, As Mimosas de Carracido; Centro Cultural de Carracido; e representantes da entidade local menor de Chenlo, Casal Chan Budiño e San Xurxo de Mosende.
Xunto co Concello participan as ONG Asociación Portuguesa de Protección Ambiental (ASPEA) e a mozambiqueña Asociación para a Xuventude e Educación de Adultos de Nampula (ASEJANA). Tamén o centro de ensino porriñés IES Ribeira do Louro en representación da Consellería de Ediucación da Xunta de Galicia e finalmente a Universidade de Cabo Verde.
O proxecto denominado “EYFEC” (siglas en inglés de “Empowering Youth for Facilitating Ecological Transition”) ten como obxectivo empoderar á mocedade e ás institucións públicas e ás ong’s como axentes de cambio para o desenvolvemento ambiental sostible, obxetivo que cobra especial importancia no contexto actual de crise económica provocada pola pandemia sanitaria.